O Concello de Vigo retomará este luns os trámites para solicitar praza nalgunha das oito escolas infantís municipais (idades de cero a tres anos) de cara ao próximo curso escolar. O periodo ordinario abrírase o pasado 9 de marzo pero quedou suspendido pola crise do Covid-19. Agora as persoas interesadas en optar a unha das 620 vacantes poden presentar a documentación desde este luns 25 de maio e ata o 5 de xuño, ambos incluídos.
A tramitación poderá completarse de xeito telemático a través dunha páxina web (escolas.vigo.org) ou de forma presencial no rexistro municipal (para isto, é preciso pedir cita previa a través do teléfono 010).
Para o vindeiro curso, o Concello de Vigo oferta 620 prazas en oito escolas infantís: 72 en Costeira-Saiáns, 80 en Bouzas, 78 en Tomás Alonso, 72 en Santa Marta-Casco Vello, 82 en Atalaia-Teis, 76 en Santa Cristina-Lavadores, 78 en Mestres Goldar-Castrelos e 82 vacantes en Navia. O orzamento municipal para o funcionamento das oito instalacións ascende a 1,5 millóns de euros.
Estas escolas infantís ofrecen opcións horarias de mañá e tarde ou continuo, no caso de Costeira-Saiáns. O rango de prezos recollidos nas bases oscilan entre a gratuidade total e os 127 euros mensuais, en función da renda.
Vigozoo e quioscos de praia
O Goberno vigués validou tamén a proposta de contratación de dous oficiais coidadores para VigoZoo, que realizarán tarefas de mantemento, vixilancia e control das instalacións da Madroa, e a transferencia de 125.000 euros (o 64% do orzamento) á Fundación VIDE para dinamizar o programa de promoción do deporte de base na cidade.
O Concello acordou asemade prorrogar as autorizacións para prestar este verán o servizo de quioscos nas praias viguesas. Desde xuño ata setembro, os establecementos estarán dispostos coma o pasado ano: un quiosco en A Punta, outro en Santa Baia, outro en Argazada, un na ETEA, dous en Tombo do Gato e no Vao, e tres en Samil.