Vigo rexistrou en agosto un dato de ocupación hoteleira baixo para a época do ano pero moi aceptable tendo en conta a situación sanitaria. O 55% das prazas de hoteis de 3, 4 e 5 estrelas estiveron reservadas durante o mes pasado, unha cifra que foi valorada positivamente desde o Concello ao non supoñer unha caída tan pronunciada como a experimentada noutras localidades. “Dados os tempos que corren, non é unha mala ocupación”, indicou Abel Caballero este venres.
Cidades como Madrid (20%), Barcelona (10%) ou o Valencia (50%) obtiveron peores estatísticas. “Houbo hoteis en Vigo que superaron o 80% de ocupación e iso é unha boa nova para a economía”, sinalou Caballero. Esa porcentaxe, ofrecida pola Vigo Convention Bureau, vese aínda mellorada pola que manexa Turismo Rías Baixas. O organismo dependente da Deputación de Pontevedra sitúa no 61% a taxa de ocupación en Vigo.
Segundo esta administración, a cidade olívica foi a localidade que sufriu o menor descenso en canto a visitantes e noites contratadas de Galicia (con 19.877 visitantes e 50.078 noites contratadas). O conxunto da comarca viguesa chegou ao 59,2% en agosto. Neste caso, a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou as cifras de Baiona, cun 75,4% de ocupación.
“A pesar da Covid, os datos téñennos que animar”, destacou Silva ao confirmar que a provincia de Pontevedra, cunha ocupación media en establecementos hoteleiros do 54,4%, mantén o seu liderado en Galicia. Neste eido, a presidenta da Deputación explicou que a provincia sitúase no ‘top 5’ dos destinos turísticos favoritos do Estado e foi elixida pola metade das persoas que chegan a Galicia para aloxarse.
No que respecta ás persoas turistas que acudiron á rede de oficinas Info Rías Baixas, case o 100% procedían do resto do Estado, principalmente de Madrid, País Vasco, Navarra e Cataluña. O turismo estranxeiro non superou o 5%.