Vigo será o vindeiro día 27 de setembro capital do Día Mundial do Turismo en todo o Estado tras decidir o Goberno conmemorar a data na cidade nun acto no que estará o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.
O alcalde Abel Caballero e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, compareceron esta mañá no emblemático miradoiro da fortaleza do Castro, coa Ría de Vigo como pano de fondo, para destacar o recoñecemento que supón este feito para a cidade e anunciar a celebración o día 27, con motivo da data internacional, da quinta edición de TurisTIC, foro organizado pola Deputación e xa consolidado como o referente do sector en Galicia. O evento, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo e traerá a importantes personalidades de empresas do turismo e das novas tecnoloxías vencelladas ao sector, será inaugurado polo secretario de Estado de Turismo xunto coa presidenta e o rexedor vigués.
“Vigo e o destino Rías Baixas son o puntal turístico de Galicia”, resumiu a presidenta provincial,Carmela Silva, para lembrar que as pernoctacións na cidade e o conxunto da provincia foron históricas, cun 91% de ocupación que se elevou ao 100% en Vigo no festival O Marisquiño e as festas de San Roque. “Os datos son estratosféricos”, celebrou a presidenta, que lembrou que “o destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia é a gran referencia do turismo en Galicia e dos primeiros do Estado”.
A máxima responsable da Deputación explicou que “o Día Mundial do Turismo estaremos en Vigo para celebrar este sector tan importante que significa o 11% do PIB galego”, e remarcou: “Somos un modelo que moitos outros seguen para implantar nas súas cidades e provincias”. Ademais, Carmela Silva destacou o carácter simbólico do lugar no que se celebrou a presentación. “O Castro vivía de costas á cidade. Hoxe ten grandes atractivos grazas ao impulso do alcalde coa recuperación de todo este espazo, a iluminación nocturna e agora un proxecto extraordinario que vai permitir que recuperemos os túneles, xa en licitación polo Concello e financiada polo Goberno de España”, explicou a presidenta, para agregar: “O Castro é un lugar único de Vigo desde o que se ve a que Emilia Pardo Bazán definiu como a ría máis fermosa do mundo”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou que “hai dez anos era impensable que o Día Mundial do Turismo en España se celebrase en Vigo”. Hoxe, engadiu, “a cidade é unha potencia turística en España, que é unha potencia turística no mundo”. Abel Caballero resaltou o éxito do “modelo Vigo”, situou á urbe olívica entre as grandes cidades turísticas de Europa e avanzou que “a vocación turística de Vigo é ilimitada”. O rexedor eloxiou á presidenta da Deputación por “dar un contido fantástico a este modelo turístico” e destacou de TurisTIC que “sempre é bo aprender dos expertos e expertas e trazar novas sendas”.
Sobre O Castro incidiuen que “hai 15 anos había aquí un pegote e este lugar era un horror, pero refixemos a muralla, descubrimos un túnel excepcional e en moi pouco tempo recrearemos aí unha gran batalla naval”, para sinalar que “este é un exemplo de como recuperar o patrimonio histórico da cidade”.
Presente e futuro do turismo en TurisTIC
A presidenta da Deputación destacou a calidade do programa de TurisTIC, agradeceu ao alcalde a súa colaboración para celebrar en Vigo “este gran acto do turismo” e anotou que “alí falarase de propostas e do turismo do presente e do futuro”. Carmela Silva indicou que o foro diríxese especialmente ao sector, ás administracións públicas e a medios especializados en turismo, se ben tamén está aberto a toda a cidadanía. O evento será retransmitido en streaming nas canles da Deputación de Pontevedra e as persoas interesadas en asistir presencialmente poden inscribirse na web de SmartPeme.
Este quinto TurisTIC leva por título ‘Do KM cero ao metaverso’ e o programa desenvólvese a través de dúas mesas redondas e un relatorio, todos eles con grandes poñentes de sectores como a gastronomía, o turismo natural e cultural, as novas tecnoloxías aplicadas ás experiencias turísticas, aloxamentos ou comercio.
A primeira mesa versará sobre A realidade do novo turista. Estará moderada por Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e participarán Erich Eichstetter, responsable de transformación dixital do Basque Culinary Center; Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, con unha estrela Michelin; Mar Rodríguez, xerente da axencia especializada en turismo natural, activo e cultural Tee Travel; e Mónica Crisóstomo, CEO de Ideas Peregrinas, albergue de Tui e tenda especializada en produtos en torno ao Camiño Portugués.
O relatorio posterior leva por título O turismo de proximidade: posicionarse nun mercado en plena revolución e será impartido por Sara Sánchez Remacha, CEO de Rusticae, club e portal de reservas de hoteis e apartamentos con encanto e casas de turismo rural consolidado como unha marca de prestixio neste campo.
A segunda mesa redonda abordará o Metaverso, o futuro máis próximo do turismo, e estará moderada por Beatriz Heras, responsable de transformación dixital de ITH (Instituto Tecnológico Hotelero). Participarán nesta mesa Xoel Vázquez, cofundador e director executivo de Xoia Software, empresa que crea experiencias inmersivas a través de Realidade Aumentada; Laura Rodríguez, Sales Manager de Hotel Verse, empresa que cambia o paradigma de reservas hoteleiras cun sistema que permite ao usuario explorar de forma inmersiva os establecementos; Lorena Rosende, CEO e cofundadora de Merasys, especializada en solucións baseadas na Intelixencia Artificial; e Vicky Vasán , cofundadora de Inmersiva XR, un ecosistema para persoas interesadas na Realidade Extendida.
Ao rematar, celebrarase un xantar networking e as persoas participantes farán un percorrido pola ruta de arte urbano de Vigo. “Non podemos rematar sen unha visita pola cidade. O alcalde propúxonos un percorrido no bus turístico para coñecer as medianeiras. Somos a cidade máis importante de Europa en número e calidade porque aquí pintaron os e as mellores representantes do muralismo do mundo”, concluiu Carmela Silva