«Somos vigueses e viguesas coa dignidade de sabérmonos protagonistas da creación desta incrible e fermosa cidade. O orgullo do traballo en equipo. Porque todos sabemos que sen Carolos e Carolas non habería Cachamuiñas».
O orgullo de ser vigués impregnou a gala de Vigueses Distinguidos 2019 celebrada este mércores no Teatro García Barbón. Tanto María Consuelo Domínguez, directora de GKN e autora do Bando da Reconquista, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacaron a forza da cidade desde as súas raíces.
A primeira muller que dirixe unha empresa de automoción do tamaño de GKN Driveline foi a encargada de ler un Bando no que destacou que «Vigo somos todos e todas, aínda que ninguén leve no seu DNI oito apelidos vigueses».
O momento máis emotivo da noite foi a entrega do galardón aos xefes dimisionarios dos centros de saúde. Cunha ovación pechada, o alcalde entregou o diploma ao representantes do colectivo sanitario.
O discurso de David Regades, delegado da Zona Franca que recolleu a Medalla da Cidade á institución, deu paso a intervención de Abel Caballero ante un abarrotado Teatro García Barbón.
«Nós tendemos a man a todos os que queiran seguir a construción da cidade. Hoxe aquí estamos os que queremos estar e non están uns poucos, moi poucos, que non quixeron estar. E os que estamos, sempre poñemos por diante á cidade, ás nosas xentes, a nosa economía e o noso futuro. Como outros fixeron hai dous séculos.
Primeiro a cidade e o seu benestar. Primeiro a nosa liberdade. Primeiro Vigo. E con Vigo, a nosa emoción e os nosos sentimentos. Viva Vigo, viva Galicia e viva España», concluiu Caballero.