Caballero pediu o voto para o candidato socialista Pedro Sánchez porque “é un aliado permanente da cidade” que permitirá “estender o noso modelo de goberno por todo o país”. Rodeado dos concelleiros e candidatos socialistas, o rexedor explicou que Vigo segue a vivir a súa revolución, un cambio extraordinario, dixo, que nin tan sequera negan o resto de forzas políticas.
Arrancou o balance aludindo ás 700 rúas humanizadas «en todos os barrios e parroquias», detallando que «só no último ano» se acometeron traballos en Camelias, García Barbón, Bueu, Menéndez Pelayo, Vía Norte, Valterra, Estreito de Pividal, Santa Mariña de Cabral ou a Senda da auga, entre outras. Tamén fixo referencia a 150 parques infantís, 15 biosaudables e 4.000 bancos instalados para que a xente maior poida saír á rúa.
Respecto do medio ambiente, resaltou que a nova depuradora, pactada con Emilio Pérez Touriño sendo ministra de Medio Ambiente Elena Espinosa, «é case unha realidade e referiuse a que, unha
vez máis, Vigo contará con 12 recoñecementos de bandeiras ou sendeiros azuis».
Caballero enfatizou como logros as 140.000 prazas de campamento de verán, «cun importante incremento este ano»; os prezos do transporte público «novamente conxelados»; 500 novas marquesiñas; reforma do Parque Municipal de Bombeiros de Teis; turborrotondas en distintos puntos da cidade; medidas de apoio ás motos e avanzou que, “máis pronto que tarde”, funcionará un carril bici desde Teis ata Samil.
No tocante ao deporte, detallou seis novos centros deportivos e de auga, con campos de fútbol remodelados, unha «grande aposta» polo running, máis de 15.000 nenos e nenas facendo deporte con subvención municipal e a reforma integral de Balaídos, coa cooperación da Deputación, que «tamén está implicada na cidade coa organización de O Marisquiño».
No apartado cultural destacou o auditorio Mar de Vigo, ademais doutros museos como o MARCO, mentres que, cando falou de turismo, referiuse ao obxectivo de converter as Illas Cíes en Patrimonio da Humanidade, con iniciativas como a presencia na cidade de youtubers trasladando ao resto do mundo a súa visita a Vigo.
Non se esqueceu do novo mercado de O Progreso, nin do ensino, lembrando a cobertura de patios de colexios que o Concello está a acometer dado que a administración competente, a Xunta de Galicia, non asume as súas obrigas. 617 bolsas de inglés, a ampliación da UNED no Auditorio e as bolsas de comedor, tamén responsabilidade da Xunta, centraron parte do balance educativo.
No eido social, resaltou «a loita para que nesta cidade non haxa desafiuzamentos, a tarxeta da dignidade, o servizo de axuda no fogar, o albergue, a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero de toda Galicia».
Referiuse aos plans de emprego municipais, á recuperación do Casco Vello, de Bouzas, de espazos verdes en Samil, ao avance no Vigo Vertical, coas escaleiras de Porta do Sol e o ascensor de Menéndez Pelayo aos que agora se suman os proxectos de San Salvador e Torrecedeira; ademais do Vigo Cidade de Cor, un proxecto para decorar con murais fachadas e medianeiras, trasladando a arte á rúa. Lembrou que Vigo é o concello máis saneado de España, con débeda cero e a carga fiscal máis baixa de Galicia, ademais de ser a única cidade española que non subiu o IBI.
Respecto da defensa de Vigo, referiuse á boa marcha do aeroporto «a pesar dos intentos de pechar a terminal por parte da Xunta»; á inminente posta en marcha da Área Metropolitana -incluíndo tratamento de capital de provincia- e «á batalla que tivo que dar a cidade para manter o partido xudicial» e avanzou a súa vontade por seguir a loitar por un hospital público. Caballero rematou a súa intervención asegurando que lidera un goberno cun “proxecto global para toda a cidade e especialmente para os que máis o necesitan”.