O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores de que o Concello de Vigo manterá aberta as liñas telefónicas do 010, desde as 08:00 ás 20:00 horas, para poder atender todas as solicitudes de cidadáns que precisen axuda.
“Ven unha ponte longa e manteremos aberto o servizo telefónico para todas as necesidades que requiran da atención do Concello”, indicou o rexedor na videoconferencia diaria cos medios de comunicación. Tamén indicou que xa se ampliaron as liñas do 010 e que se instalou a tecnoloxía necesaria para que as traballadoras poidan atender as chamadas desde casa. “O 010 segue operativo e imos ter tamén catro traballadoras sociais de garda durante estes días festivos”, engadiu.
Respecto ás becas de comedor, o alcalde explicou que xa está aprobada a concesión de 500 novas axudas para familias que a solicitaron e que o montante de este tipo de achegas xa é de 1.533. Segundo explicou, o total das axudas de emerxencias entregadas polo goberno local xa superan os 3.100 beneficiarios e o gasto do departamento de Benestar Social en todos os capítulos suman máis de 377.000 euros.
Pavillóns e comidas
Pola súa banda, a cociña do albergue municipal de Marqués de Valterra xa repartiu, desde o 16 de marzo, un total de 4.790 menús, entre os almorzos, comidas e ceas do propio albergue, do pavillón do Berbés e do servizo a domicilio.
O alcalde insistiu en que o Concello xa ten preparado un novo pavillón para persoas sen fogar e que no Berbés (cun custe de 40.000 euros) e houbo a pasada noite un total de 47 persoas, o que unido ao albergue, á Fundación Santa Cruz e aos acollidos en pensións e hostais suman un total de 144 persoas.
Banco de Alimentos
Por outra banda, o goberno vigués ampliará o convenio co Banco de Alimentos de Vigo para asignarlle outros 40.000 euros anuais, elevando o total que recibirá a Fundación aos 83.000 euros. “Practicamente imos duplicar” a contía, constatou o alcalde: “O seu traballo é excepcional e queremos acompañalos”.
Tamén no eido social, o goberno presidido por Abel Caballero afrontará este xoves a asignación de dous traballadores máis á área de Benestar, dous auxiliares administrativos que elevarán a sete o número de novas contratacións no citado departamento.
Por último, o alcalde referiuse á adxudicación dun contrato de emerxencia para o subministro de elementos de protección para os efectivos de Bombeiros que participan cada día na desinfección de distintos espazos da cidade. O contrato presenta un importe de 23.000 euros, segundo detallou.