O mundo da astronomía será o protagonista das fins de semana deste verán en VigoZoo, que celebra os seus primeiros 50 anos de vida con diferentes actividades para achegar á cidade a esta área de coñecemento. Os ‘Sábados astronómicos’ desenvolveranse o sábado 26 de xuño, todos os sábados do mes de xullo e todos os de agosto, excepto o último. As persoas participantes, en grupos de 25, poderán aprender con actividades de astronomía e observación de estrelas entre as 22:00 horas da noite e ata as 00:00 horas da madrugada. Falarase da filosofía ‘Startlight’, da traxectoria dos astros, do uso do telescopio e dos prismáticos para observar galaxias, da localización das constelacións, de nocións de mitoloxía…
A ‘Noite das Perseidas’ celébrase o 12 agosto dende as 22:00 horas e ata a medianoite. A previsión é que poidan asistir 75 persoas, en función das restricións sanitarias vixentes nese momento, para observar as Perseidas, aprender a localizar as constelacións, con xogos astronómicos para os máis pequenos…
A terceira proposta, pensada para as familias, é ‘Astronomía en VigoZoo’ e terá lugar os domingos: o 27 xuño, todos os de xullo e os tres primeiros de agosto, en horario de mañá e tarde (con catro sesións ás 11.00 e 13.00 horas e ás 16.00 e 18.00 horas), en grupos de 10-12 persoas. Serán actividades baseadas na simulación mediante a proxección do ceo nocturno de Vigo, cun programa informático e pantallas e proxectores da sala de cambio climático de VigoZoo. As persoas que asistan aprenderán a orientarse durante a noite, recoñecer as constelacións, estrelas e planetas visibles esa noite, nocións de mitoloxía e historia da astronomía así como o manexo dun planisferio.
Para sumarse ao programa de VigoZoo é preciso facer reserva previa, no teléfono 986 267 783. As actividades desenvolveranse cumprindo as medidas de seguridade sanitaria vixentes en cada momento.