VigoZoo volverá organizar este ano actividades especiais de astronomía e observación de estrelas todos os sábados pola noite (de 22.00 a 24.00 horas) entre o 18 de xullo e o 29 de agosto. As prazas están limitadas a 25 persoas por día e para asistir é necesario inscribirse previamente.
Se a meteoroloxía é adversa a actividade trasladarase ao auditorio do zoo -con capacidade para 82 persoas-, onde se levará a cabo unha conferencia divulgativa. A temática da iniciativa será a filosofía StartLight, a traxectoria dos astros e unha breve introdución ao funcionamento e manexo de telescopio e prismáticos.
As actividades teñen un custe de 6 euros e para participar é necesario chamar ao número de teléfono 986 267 783 de 10.30 a 20.00 horas.