Vitrasa porá en marcha o servizo especial ás praias de Vigo a partir desta semana, concretamente desde o xoves 15 de xullo, día para o que ademais se esperan máis de 30 grados na cidade olívica. Sete liñas conectarán o casco urbano de Vigo cos areais, chegando en puntos como Samil a unha frecuencia de aproximadamente 5 minutos. Aparte das liñas L10, L11, L12A, L15A, L15B e L15C, amplía o seu percorrido a liña C3 todos os días da semana, mantendo os seus horarios habituais. Por outra banda, nas horas punta reforzarase o servizo para facilitar a mobilidade ás praias.
Este servizo especial, que este ano comezou máis tarde do habitual xa que normalmente se activa cando comeza o verán, finalizará previsiblemente o vindeiro 31 de agosto. As persoas usuarias poderán realizar ata dous transbordos gratuítos en 45 minutos coa tarxeta de transporte, podendo así chegar desde calquera punto de Vigo aos areais da cidade.
Vitrasa recorda que, en cumprimento das limitacións de aforo establecidas pola Xunta de Galicia que limitan a un terzo a ocupación nas prazas de pé, poden rexistrarse algunhas dificultades para atender a demanda se esta se concentrase nun momento concreto. Con todo, a empresa asegura que terá “reforzos previstos para tratar de abordar estas concentracións puntuais de usuarios”.
Cómpre lembrar tamén que segue a ser obrigatorio o uso de máscara de protección a bordo. Ademais, recoméndase o pago con tarxeta Pass Vigo e, no caso de levar efectivo, é preferible aportar o importe exacto do traxecto. Outras recomendacións sanitarias pasan por evitar as conversas durante a viaxe (incluso por teléfono móbil) e acceder de forma ordenada ao bus. Ademais, non está permitido comer nin beber no interior dos autocares.