Vitrasa deu a coñecer este luns os servizos mínimos que operarán durante os catro días de folga que se desenvolverán na empresa ao longo da presente semana. A concesionaria terá que suspender algunhas liñas e horarios pero garante a prestación do servizo nas principais rutas que conectan a cidade cos hospitais (pódese consultar o documento detallado ao final deste artigo).
Estas catro xornadas de paro convocadas polo comité de empresa –para o 3, 6, 7 e 8 de agosto– suscitaron a crítica da dirección da empresa. A compañía considera que a medida é “totalmente desproporcionada” e “non atende á razón”. Ademais, sostén que só procura meter presión de cara á próxima renovación do convenio colectivo.
“Nun contexto tan complexo marcado pola crise sanitaria que aínda estamos a sufrir, coa limitación de aforo nos autobuses (un terzo das prazas de pé) impostos pola Xunta, a empresa vén traballando cada día para poñer en marcha medidas que garantan un servizo seguro e de calidade para as viguesas e vigueses”, defende Vitrasa nun comunicado publicado este luns.
A concesionaria pide ao comité que “recapacite” porque “esta folga non beneficia a ninguén”. Segundo di, “esta desacertada” convocatoria só prexiduca “aos usuarios e as usuarias que seguen utilizando os nosos autobuses como medio de transporte seguro, cómodo e eficiente para desprazarse aos seus traballos, aos hospitais, a realizar as súas compras, aos seus lugares de lecer ou á praia”.
Vitrasa lamentou “todas as molestias” que esta situación poida ocasionar á cidadanía e garantiu a prestación dos servizos mínimos, que se expoñen a continuación e que tamén se poden consultar na web da compañía, nas súas redes sociais ou nos teléfonos de atención ao viaxeiro: 986 291 600 e 986 207 474.