A partir da próxima semana, Vitrasa porá en marcha o servizo especial ás praias de Vigo. A data exacta de comezo dependerá da climatoloxía esperando que chegue o bo tempo nos vindeiros días. Un total de 9 liñas conectarán Vigo con todos os areais chegando en puntos como Samil a unha frecuencia de menos de 5 minutos. En concreto, ademais das 6 liñas que conectan Vigo coas praias: L10, L11, L12A, L15A, L15 e L15C, tamén amplían o seu percorrido outras 3 liñas: C3, L4C e L23, mantendo os seus horarios habituais.
Por outra banda, nas horas punta reforzarase o servizo para facilitar a mobilidade con seguridade. Coas tarxetas de transporte, os usuarios poderán realizar dous transbordos gratuítos en 45 minutos, podendo chegar desde calquera punto de Vigo ás praias. Este servizo especial finalizará o vindeiro 15 de setembro pero terase en conta a climatoloxía desas datas por se houbese que prolongalo por bo tempo.
Vitrasa ten implantado diferentes medidas co obxectivo de garantir a seguridade dos viaxeiros e condutores entre as que destacan a obrigatoriedade de máscara a bordo do bus, a eliminación do pago en metálico por pago con tarxeta, o acceso ao autobús pola porta central, a distancia de seguridade na entrada ao autobús e dentro do vehículo…
Con respecto aos traballadores, colocáronse mamparas de separación no posto do condutor de todos os vehículos. Outra das medidas máis importantes é a desinfección diaria de toda a flota de buses. Vitrasa, de feito, conta co certificado de boas prácticas fronte ao Covid.
Actualmente, pódese ocupar o 100% dos asentos e nas zonas de pé poden estar dúas persoas por metro cadrado.