Vitrasa cambiará o itinerario da liña H1 de transporte urbano entre a rúa García Barbón e o hospital Álvaro Cunqueiro que, desde o vindeiro luns 29 de xuño, pasará por Torrecedeira, atendendo á demanda cidadá que pedía esta modificación da liña. Así, pasará por Gaiteiro Ricardo Portela, a rúa Torrecedeira e a Praza de Eugenio Fadrique.
Ademais, logo de suspenderse durante a emerxencia sanitaria, a concesionaria recuperará a próxima semana o servizo especial para persoas con mobilidade reducida, que debe solicitarse de forma telefónica con 24 horas de antelación, de luns a venres, en horario de mañá e de tarde.
Desde o vindeiro 1 de xullo, as persoas usuarias do servizo volverán a telo á súa disposición para desprazamentos pola cidade. O autobús recolle aos usuarios e déixaos na parada de transporte máis próxima ao punto de inicio do servizo e ao seu destino.
Por último, Vitrasa e o Concello de Vigo avisaron este venres de que varias liñas se verán afectadas por un corte de tráfico que se implantará este domingo na rúa Sanjurjo Badía. Trátase das liñas C3, L5, L17, L31, N1 e N2, que deberán tomar diferentes desvíos ao longo do día. Do mesmo xeito, quedan anuladas todas as paradas das rúas Sanjurjo Badía e Buenos Aires, así como as situadas nos números 79, 101, 106, 123 e 136 de García Barbón.