Vitrasa, empresa concesionaria do transporte público de Vigo, colabora coa Asociación Española Contra o Cancro en Vigo na difusión da campaña nacional “#SacaPeito polas máis vulnerables”, que pon o foco este ano nas mulleres que sofren este tipo de enfermidade e vólvense máis vulnerables economicamente debido a ela.
En concreto, con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, Vitrasa emite dende este martes nas pantallas de todos os autobuses un vídeo con datos sobre este tipo de cancro e as persoas que o padecen co obxectivo de concienciar á sociedade sobre esta enfermidade. Ademais, os buses urbanos de Vigo levan durante o día de hoxe un rótulo exterior informando da campaña.
Segundo informa a Asociación Española contra o Cancro, cada ano en España hai mais de 33.000 novos casos e o 15% das mulleres diagnosticadas están en situación de extrema vulnerabilidade e o 34% perden os seus traballos ou vense obrigadas a deixalo pola enfermidade. Ademais, preto do 70% perderon o seu salario ou ingreso.
Colaboración entre Vitrasa e a Asociación Española contra o Cancro en Vigo
Vitrasa e a Asociación levan anos colaborando na concienciación sobre o cancro na cidade. A última ocasión foi nos meses de xullo e agosto, na campaña “Este verán, non xogues co sol”, coa emisión dun vídeo con consellos para os coidados a ter en conta fronte ao sol durante a tempada estival.
A Asociación Española contra o Cancro en Vigo axuda aos pacientes de cancro e os seus familiares ofrecendo servizos de balde de: atención psicolóxica, social, logopedia e atención psicosocial a pacientes avanzados e as súas familias, ademais de charlas de prevención para concienciar á poboación viguesa. No primeiro semestre do ano 2021 realizou un total de 3.451 intervencións en Vigo e 8.311 en toda a provincia.