O Bloque Nacionalista Galego de Vigo anuncia unha ofensiva institucional recollendo as queixas da veciñanza diante dos reiterados incumprimentos de diferentes normativas para a instalación do Nadal. A fronte nacionalista vén de manter este martes unha xuntanza con representantes da Plataforma de Veciñanza do Centro afectada polo “parque temático” de Abel Caballero para escoitar as súas demandas.
“O Nadal non pode supoñer deixar sen efecto a aplicación da normativa legal nin tampouco os dereitos das veciñas e dos veciños da nosa cidade, con independencia de onde vivan”, reprochou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que “o problema non é nin o Nadal nin as luces, que xa existían antes de Caballero e seguirán despois del”.
“Nadal si, por suposto que si, pero non así”, sintetizou o edil nacionalista, que lembrou que o impulso inicial ás luces de Nadal en Vigo foi unha iniciativa do BNG desde a Tenencia de Alcaldía e desde a área de Comercio. “O que non podemos tolerar nin compartir é a decisión caprichosa do alcalde de deixar en papel mollado as ordenanzas municipais de ruídos, convivencia, medio ambiente, de limpeza e saúde pública, ademais da normativa de protección patrimonial e de acceso de vehículos de emerxencia”, subliñou.
Nese sentido, Igrexas anunciou que o BNG emprenderá diferentes accións diante destes incumprimentos e da negativa continuada do alcalde a escoitar á veciñanza, que ten solicitado sen éxito unha reunión co rexedor. Entre elas, demandou ter acceso ao plan de autoprotección, ao informe de impacto acústico e ás autorizacións administrativas necesarias para a montaxe do Cíes Market e das atraccións.
Interpelación no pleno municipal
Por outra banda, adiantou que no pleno municipal previsto para este mércores, a fronte nacionalista destinará o seu rogo e pregunta para demandar unha rectificación do plan de tráfico, que ten “colapsada” a mobilidade na cidade e supón importantes riscos para a seguridade, e tamén para interpelar sobre que accións vai levar a cabo o Concello de Vigo para dar cumprimento a todas as normativas que están a ser vulneradas.
Actuación de Oficio da Dirección de Patrimonio
En relación ao papel da Xunta de Galiza, o candidato do BNG acusou ao Goberno galego do PP de “inacción cómplice” por desertar das súas competencias. Así, o Bloque vén de dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta para instala a actuar de oficio para garantir a protección integral dos xardíns históricos da Alameda como ben cultural catalogado, e cuxa autorización é preceptiva para a montaxe do Cíes Market. “A Xunta do PP decidiu ollar para outro lado, o que signifca permitir estes atropelos en contra dos dereitos da veciñanza e que Abel Caballero faga o que quer durante o período de Nadal”, afeou Igrexas.
O concelleiro nacionalista enviou ademais unha mensaxe ao alcalde esixindo que deixe de “insultar, de desprezar e de ignorar” ás veciñas e veciños de Vigo e, por tanto, que reciba á plataforma. “En democracia escoitar non é unha opción, é sempre un imperativo”, remachou.
“Non somos veciñas e veciños de segunda”
Por parte da Plataforma Veciñanza do Centro, un dos seus portavoces, Manuel Ramos, expresou o agradecemento ao BNG por “darlles a oportunidade de expresar as súas queixas e por escoitar as súas demandas”. Ramos asegurou que “non somos veciñas e veciños de segunda” e reclamou o dereito ao descanso e á intimidade sen que “os poderes públicos invadan a rúa con atraccións”.
O voceiro veciñal lamentou que Abel Caballero rexeite recibilos e negou as acusacións do alcalde de motivacións políticas detrás das súas protestas. “Na nosa plataforma hai xente de todas as orientacións, o único que pedimos é que se acaban os ruídos, os cheiros e as molestias que non teñen nada de político”.