A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo procedeu a adoptar un acordo sobre unha serie de criterios orientativos en materia de cumprimento de réximes de custodia e visitas de fillos menores durante a vixencia do estado de alarma debido á crise sanitaria do Covid-19. Así, aconsella que os pais cheguen a acordos e eliminen as visitas intersemanais, ademais das visitas aos avós por ser un colectivo de risco.
Lembras os xuíces que a suspensión de prazos e da actividade xudicial polo estado de alarma non implica a suspensión automática das medidas sobre réximes de custodia e visitas de fillos menores. «A obriga xeral de cumprimento das resolucións xudiciais non vén afectada pola devandita suspensión, xa que a necesidade de protexer a saúde de fillos e proxenitores pode impoñer, segundo as circunstancias, a necesidade de modular ou modificar o réxime de custodia, visitas ou estancias e, por iso, alterar ou suspender a execución das medidas que estean acordadas ou a súa maneira de levalas a cabo», aseguran nun comunicado.
Os xuíces tamén indican que para o desenvolvemento do sistema de custodia, durante a vixencia desta excepcional situación, «deberán ser os proxenitores os que acorden -polo ben superior dos menores e por encima de enfrontamentos ou intereses propios- o sistema de custodia e visitas, así como as medidas e prevencións a adoptar para garantir a súa saúde e o seu dereito á relación con ambos proxenitores«.
A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, prevalecendo o acordo ao que cheguen ou chegasen os proxenitores, fixou as posibles seguintes pautas de actuación:
-Salvo que concorran circunstancias concretas que o desaconsellen, os intercambios en custodias compartidas deberían manterse, sen visita intersemanal, de estar establecida.
-Con carácter xeral, procede manter as visitas de fin de semana en caso de custodia individual, parecendo prudente suspender as visitas intersemanais, en especial se son sen pernoita.
-As entregas e recollidas realizaranse coa necesaria salvagarda da saúde das partes, especialmente dos menores.
-Cando non se leven a cabo as visitas establecidas en resolución xudicial polo motivo que sexa, deberá promoverse e facilitarse polos proxenitores a comunicación frecuente dos menores con aquel que non convivan, por medios tecnolóxicos (teléfono, videochamada…). Parece do todo adecuado, unha vez finalizado o estado de alarma decretado, compensar na medida do posible os períodos de visitas non gozados.
-Pode ser conveniente suspender as visitas fixadas cos avós por ser un colectivo de risco nesta excepcional situación.Os criterios establecidos, segundo destaca a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, son «simples pautas xenéricas de actuación para facilitar o entendemento entre as partes e de ningún xeito son executables nin poden prevalecer sobre os acordos dos proxenitores».
Respecto aos procedementos de execución que, no seu caso, se presentasen, a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo especifica que non se tramitarán nesta situación excepcional. Así, procederase ao rexistro telemático da demanda executiva, sempre que se presente por vía lexnet, e dada a actual suspensión dos prazos procesuais, daráselle o trámite ordinario unha vez alzada a declaración do estado de alarma.
Ademais, os xuíces exhortan aos proxenitores en momentos como o actual a que solucionen as súas diferenzas no ámbito familiar ou auxiliados polos seus letrados, evitando colapsar os xulgados con peticións alleas a ese risco real do menor que non van obter unha resposta xurisdicional.