O mes de xuño chega a Vigo cunha nova proposta cultural, o ciclo de coloquios divulgativos Faladoiros no Berbés. Os mundos científicos de Vigo, unha proposta que chega da man da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo en colaboración co Ateneo Atlántico e coa que se busca achegarlle á cidadanía o traballo que recoñecidas investigadoras e investigadores vigueses están a levar a cabo por todo o mundo da man de persoal investigador da UVigo que traballa no mesmo campo de estudo.
Con vocación de continuar no tempo e converterse en cita mensual, nesta primeira edición do ciclo haberá tres sesións: o 3, 10 e 12 de xuño, ás 19.30 horas no edificio Redeiras, con entrada libre totalmente de balde. O primeiro faladoiro, o vindeiro luns, terá un carácter introdutorio e levará por título A divulgación científica en Galicia para o que se contará coa participación do director do xornal GCiencia, Pablo López, a quen acompañará a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.
A cargo de investigadoras e investigadores vencellados á cidade
A idea de realizar este ciclo de faladoiros parte do Ateneo Atlántico, asociación que trata de crear espazos de debate, divulgación e promoción cultural. Nesta liña, o seu vicepresidente, Anxo Cabada, subliña que con esta actividade se busca “dar recoñecemento aos investigadores e investigadoras galegas e á importancia da investigación para mellorar a vida das persoas”, ao que engade que “moitos investigadores e investigadoras viguesas teñen proxección internacional e están noutros países traballando e dende o Ateneo Atlántico queremos facer visible o seu labor na cidade”.
Para a UVigo esta nova colaboración supón seguir incrementando as pontes con universidades doutros países, así como continuar ampliando a proxección da universidade na cidade. Nesta liña, dende a organización destacan que os faladoiros dan visibilidade e achegan a un público non especializado o traballo que se fai na institución, reafirmando así a súa aposta por trasladar o interese pola ciencia á cidadanía.
Enxeñaría da privacidade e tecnoloxía óptica
Tras o arranque do ciclo o vindeiro luns, o seguinte faladoiro será o 10 de xuño e levará por título Enxeñería da privacidade. Correrá a cargo da docente da Escola Politécnica Federal (EPFL) de Lausanne Carmela González Troncoso, enxeñeira de telecomunicación e investigadora viguesa especialista en privacidade. Estará acompañada polo profesor da UVigo Fernando Pérez González, catedrático de Telecomunicación e coordinador do grupo de investigación Procesado de Sinal en Comunicacións de atlanTTic.
Esta primeira edición do ciclo rematará o 12 xuño coa charla Tecnoloxía e aplicacións de movementos oculares, impartida por Jorge Otero Millán, exalumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que actualmente traballa como profesor de Optometría e Ciencias da Visión na Universidade de California, Berkeley. Estará acompañado polo catedrático en Física Humberto Michinel, docente na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo especializado no campo da fotónica e as tecnoloxías láser.