Xunta e Universidade de Vigo colaboran a prol da mellora na xestión pública local coa creación da cátedra institucional de Bo Goberno Local e a modernización do marco lexislativo local de Galicia, iniciativas que este martes presentaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e nas que o Goberno galego inviste 110.000 euros.
O vicepresidente segundo agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo neste impulso á xestión pública local galega, que permite, dixo, contar coa experiencia investigadora e de transferencia de coñecemento da Red Localis. Diego Calvo incidiu no importante labor deste “foro único en España para a reflexión do municipalismo e da súa xestión, que potencia o debate público sobre o mundo local e formula propostas de solución ás problemáticas detectadas”.
A Red Localis, un think tank formado por profesorado e persoal investigador universitarios e profesionais do mundo local, consolidouse dende o seu nacemento, en 2015, como un foro de reflexión sobre o municipalismo. Trátase dunha liña de investigación do Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Universitario de Galicia integrado por persoas expertas no eido local GEN (Governance and Economic Research Network).
Para o vicepresidente segundo, a creación e desenvolvemento dunha cátedra de Bo Goberno Local resulta de grande interese para Galicia por tratarse dun instrumento único, sen equivalente no conxunto da comunidade nin do Estado. A iniciativa facilitará a resposta ás inquedanzas que se están a producir no mundo da administración local, “sometido a fortes transformacións pola implantación de novas tecnoloxías, a situación de postpandemia e dos cambios normativos e de relación co conxunto da cidadanía”, apuntou. Á fronte da Cátedra estarán os codirectores da Red Localis, Alberto Vaquero e Concepción Campos, e o director do Grupo GEN, Santiago Lago e o seu orzamento ascende a 60.000 euros.
Segundo explicou Diego Calvo, as actividades e eventos que se desenvolverán no marco desta cátedra, como o Congreso Red Localis, pretenden facilitarlles ás entidades locais solucións a problemas complexos e facilitarlles a toma de decisións, en termos de eficacia e eficiencia. Tamén se lles van dar a coñecer novas fórmulas de colaboración, resolver dúbidas sobre as competencias das administracións públicas e, en resumo, “facer chegar propostas que redunden na mellora do Goberno local a prol da prestación de servizos á cidadanía acorde cunha administración do século XXI”, abondou.
Canto á colaboración no proceso de revisión, mellora e actualización do marco lexislativo en materia de administración local, o vicepresidente segundo sinalou como obxectivo común o de facilitar “a modernización das normas e un mellor desenvolvemento do mundo local, así como adecuar a normativa aos cambios producidos no tempo transcorrido desde a aprobación da vixente Lei de Administración Local de Galicia”. Nesta liña, a Xunta vai investir 50.000 euros na realización dos traballos precisos para impulsar unha nova norma do réxime das entidades locais galegas.
Ademais, de colaborar no financiamento, a Xunta dirixirá e supervisará o labor desenvolvido pola Universidade de Vigo, á que lle subministrará toda a información dispoñible e que coordinará as actividades que deberá realizar o equipo multidisciplinar e os apoios externos puntuais que considere necesarios.