O Consorcio da Zona Franca e o Concello de Vigo anunciaron este venres as iniciativas que levarán a cabo para sumarse a este 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Por unha banda, a Zona Franca iniciou onte a conmemoración do 8M coa colocación dun cartel conmemorativo na fachada do edificio da rúa Oporto e a iluminación dos principais edificios da institución dende esta noite de venres. De xeito simbólico, todos os edificios da Zona Franca de Bouzas estarán iluminados en cor lila durante as noites desta fin de semana e ata o luns.
O cartel leva por lema «Por ser mulleres» e quere reflectir as dificultades do avance cunha imaxe dun grupo de mulleres collidas da man para subir unha costa arriba. Esta noite e ata o luns iluminaranse as naves e torre de telecomunicacións de Bouzas e o Centro de Servizos do PTL.
O delegado do Estado, David Regades, quixo «renovar o meu compromiso personal coa igualdade e o esforzo de Zona Franca neste camiño». No marco deste compromiso, Zona Franca ten impulsado dentro do servicio Ardán un indicador empresarial sobre igualdade de xénero, que premia ás compañías cos mellores datos neste eido, así como un programa denominado Conselleiras de Galicia, no que analiza as dificultades das mulleres para acceder a postos de dirección e pon medidas enriba da mesa para solucionalo.
Programación municipal
Por outro lado, o alcalde, a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, e a vicepresidenta do Consello Municipal da Muller, Purificación Bernárdez Álvarez, presentaron este venres a programación coa que o Concello celebra este 2021 o Día Internacional da Muller, marcado pola pandemia que obriga a desenvolver a actividade online.
Desde o vindeiro luns, o edificio consistorial lucirá a bandeira feminista e a web municipal lucirá un lazo violeta co lema da xornada: “8 de marzo-Día Internacional das Mulleres”, desde o que se poderá acceder á programación diaria. O lema da xornada e o anuncio do programa de actos tamén será proxectado nas pantallas da rotonda de Rosalía de Castro e das ramplas da Gran Vía. Ademais, o 8 de marzo, o Concello iluminará de violeta as fontes da rúa Aragón, Praza América e a Pérgola de Praza América.
A programación municipal comeza o 8 de marzo ás (10:00 horas) coa celebración dun Pleno virtual do Consello Municipal da Muller (retransmitido en directo a través de Youtube).
As “Xornadas 8M – Visibilizando a desigualdade. Reclamando os nosos dereitos”, con conferencias online para abordar a prostitución, violencia de xénero, muller e deporte, LGTBIQ no ensino, corresponsabilidade ou os coidados desenvólvense entre o 9 e o 11 de marzo co programa que segue:
Martes, 9 de marzo:
17:00 horas: Inauguración por parte de Abel Caballero Álvarez
17:15h: “A realidade da prostitución en Galicia. Unha aproximación dende Vigo”. Asociación Faraxa
18:15h.: “Profesións do deporte. Somos as mulleres unha materia pendente?”. Asociación Mudega
Mércores, 10 de marzo:
17:00h: “Violencia de xénero en tempos de pandemia: entre virus e maltratadores”. Miguel Lorente Acosta
18:00h: “Visibilidade das mulleres LBTIQ no ensino: percorrido imprescindible cara a igualdade”. Ana Ojea Alonso
19:00h: «Avanzamos cara a corresponsabilidade? O novo marco da lei de equiparación dos permisos por nacemento». Carmen Castro García
Xoves, 11 de marzo:
17:00h: “Os coidados, novos desafíos dende o feminismo”. Priscila T. Retamozo Ramos
18:00h: “Migrando ás fronteiras dixitais: prostitución 2.0”. Mabel Lozano
Ademais, o martes, 16 de marzo (18:00 horas) desenvolverase unha contada de Igualdade “Semente de Igualdade Ernestina Otero”, a cargo de Polo Correo do Vento. Para nenas e nenos a partir de 4 anos; unha actividade acompañada de lingua de signos, que poderá seguirse en liña a través da plataforma ZOOM.
O mércores 17 de marzo (18:00 horas) haberá unha visita guiada á ruta en feminino “Sons de mulleres”, a cargo de María Casar, que pode seguirse de xeito telemático con ZOOM. É unha ruta interactiva incluída na APP VIGO e estará operativa desde o 8 de marzo.
O xoves 18 de marzo (18:00 horas) Iolanda Zúñiga ofrece en liña un recital aberto de poesía de xénero. Amais, durante o mes marzo realizarase a entrega dos Premios de Igualdade “Ernestina Otero” 2020 e 2021.