A Consellería do Mar vén de convocar un novo curso de mariñeiro pescador na modalidade online que terá lugar entre o 18 de xuño e o 10 de xullo cunha duración de 50 horas. Esta formación estará titorizada desde o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. O período de matrícula para este curso, que conta con 60 prazas, está aberto desde o pasado xoves ata o vindeiro 15 de xuño ás 15:00 horas. A relación de admitidos será establecida en función da hora e do día da matrícula.
A documentación a presentar ante o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo para poder inscribirse no curso vén indicada no Anexo II da orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na comunidade.
Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial no centro dependente da Consellería do Mar con sede en Vigo. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.