A nova lonxa do peirao de Canido, en Vigo, na que a Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, investiu máis de 250.000 euros nos traballos de construción, está previsto que entre en servizo no segundo semestre deste ano.
As instalacións acollerán unha zona de vendas con cámara frigorífica e outra de lavado, un local xeral de instalacións, unha oficina para uso da confraría, vestiarios masculino e feminino e oficina para outros usos con aseo propio. O acceso á zona de venda consistirá nun soportal de 12 metros cadrados que facilitará a carga e descarga de mercadorías.
A Xunta licitou o pasado ano estes traballos de construción da nova lonxa despois de que o anterior edificio sufrira danos na súa cuberta en febreiro do 2019 e tivese que ser derrubado integramente. Así, este novo edificio supera lixeiramente as medidas do orixinal e ten en conta as novas regulamentacións en materia de eficiencia enerxética, renovación do aire e accesibilidade, entre outras.
A maiores, Portos de Galicia realizou outros investimentos en Canido como a dragaxe do porto cun orzamento de arredor de 150.000 euros, así como outras actuacións menores de conservación e mantemento das instalacións e da contorna.