Así o manifestou este xoves a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que participou na xornada de validación deste plan e na que tamén se repasou e avaliou o proceso de elaboración do documento de candidatura e se analizaron os seguintes pasos que se deben avanzar.
Segundo informou a Xunta, o grupo de traballo que defende esta candidatura, e que está coordinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está formado por administracións, representantes de empresas, asociacións e colectivos relacionados co turismo e a promoción e conservación do patrimonio natural.
Para cumprir co decálogo de principios que se establecen na Carta Europea e cos cinco obxectivos estratéxicos os socios promoverán máis de 100 actuacións nos próximos cinco anos, que implicarán a mobilización de case 3 millóns de euros.
Entre as medidas que se propoñen levar a cabo destacan a realización de talleres de educación ambiental baseados nos produtos da pesca, a creación dun programa de rutas interpretativas experiencias por cada un dos arquipélagos en varios idiomas, tamén unha ruta turística para o avistamento de especies de aves invernantes e peláxicas e mamíferos mariños no parque.
Outras iniciativas propostas son a creación dun centro de interpretación do litoral, potenciar a aula da natureza de Cabo Udra en Bueu, como punto de información e educación ambiental e a adhesión á rede de municipios Rede Terrae.
Con este conxunto de actuacións o que se pretende é dar resposta ao obxectivo de fomentar e mellorar a coordinación, a comunicación, a participación e a colaboración de todos os actores implicados na conservación e o desenvolvemento turístico do territorio. Tamén é un reto mellorar o uso e a xestión dos recursos do Parque e a calidade ambiental do territorio para lograr ser identificado como un destino turístico de calidade; así como mellorar a calidade e a sostibilidade da oferta turística e crear produtos turísticos baseados no descubrimento dos recursos naturais e culturais do Parque.
Sumar valor
A directora xeral de Conservación explicou que coa consecución deste distintivo o Parque das Illas Atlánticas sumarase ao Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés e ao Parque Natural das Fragas do Eume, que xa contan co mesmo.
Empresas turísticas
Incidiu en que a obtención deste recoñecemento non só é positivo para o Parque, senón tamén para todas as empresas turísticas, xa que, entre os beneficios destaca a posibilidade de desenvolver novas oportunidades comerciais (novas clientelas, oferta fóra de tempada, oferta orientada cara ao descubrimento da natureza e o patrimonio cultural), beneficiarse de asesoría para mellorar a calidade da súa oferta ou produtos turísticos, mellorar a imaxe da empresa ou entidade, polo seu compromiso co turismo sustentable e contribución a protección dos valores do Parque.
Tamén representa un valor estar situados nun espazo natural protexido distinguido en Europa como territorio de excelencia en materia de turismo sustentable, matizou Tellado- e ter a posibilidade de participar activamente na planificación e desenvolvemento dun turismo sustentable no seu territorio, contribuíndo a súa protección.
Recordou que o turismo sustentable non é unha modalidade de turismo, senón unha forma de xestionar calquera tipo de turismo; pero hai que ter en conta que a actividade turística xera impactos, que poden ser máis negativos nos espazos naturais protexidos que en calquera outro territorio, precisamente porque se desenvolve en lugares de alto valor ecolóxico, ben conservados e fráxiles fronte ás actividades humanas
Máis de 100 espazos acreditados
A Carta Europea de Turismo Sustentable inscríbese nas prioridades mundiais e europeas expresadas polas recomendacións da Axenda 21, adoptadas no Cume da Terra en Río en 1992. A Federación EUROPARC, organización que reúne a espazos naturais protexidos de 39 países europeos, é a entidade xestora e garante da Carta.
Na actualidade, un total de 107 espazos naturais protexidos europeos están acreditados coa Carta nun total de 13 países, destes espazos, 38 son españois, dos cales dous son galegos, o Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés e o Parque Natural da Fragas do Eume.