O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi este mércores especialmente “categórico” ao trasladar “a nosa total oposición a máis recheos na ría, sexan pilotados ou non, e para calquera uso”. O rexedor informou das alegacións que o Concello enviou ao Plan de Delimitación de Espazos e Usos portuarios do Porto de Vigo (DEUP).
A este respecto, Caballero arrancou a súa intervención resaltando a “oportunidade” que supón a coincidencia na tramitación da revisión do PXOM en execución coa elaboración do DEUP, para intentar integrar axeitadamente as crecentes demandas cidadás cun eficiente funcionamento das instalacións portuarias. O documento, dixo, oculta as previsións de novos recheos e demandou unha análise detallada das necesidades actuais e futuras do Porto que partan da optimización dos usos e actividades.
De feito, lembrou que o Concello está a traballar na proposta de que unha parte dos terreos de Adif sexan adquiridos por Zona Franca para que a superficie -e cunha tapa – poida ter usos deportivos e o resto sirva como zona de carga e descarga para o Porto, o que facilitaría en novos espazos pero nunca en recheos. Ademais, engadiu, hai que ter en conta a existencia da Plisan dentro estudo das necesidades portuarias.
Respecto das desafeccións, Caballero cualificou de claramente insuficientes a proposta dos xardíns de Areal e a EDAR de Teis dado que hai moitos espazos que levan anos destinados a usos non portuarios. En Bouzas, o Concello solicita a cesión das instalacións dotacionais, educativas ou asistenciais (campo de fútbol do Rápido de Bouzas, pavillón deportivo municipal, centro da terceira idade da Xunta de Galicia, Instituto de Investigacións Mariñas, IES audiovisual e máis espazos verdes e aparcamento libre colindantes).
Segundo entende, a avenida de Beiramar tamén debería desafectarse e cederse á cidade como vía urbana para que -co necesario soterramento da mesma- se garanta o acceso ás instalacións portuarias. Esta decisión debería estenderse aos terreos entre Jacinto Benavente e Beiramar para permitir unha transformación urbana e unha maior permeabilidade entre cidade e mar, evitando o estado calamitoso no que se atopa esa zona. A denominada “zona central lúdico portuaria” está integrada no espazo público urbano e non se xustifica o seu mantemento como zona portuaria.
En Teis, considera que debería desafectarse tamén a praia de Mende o seu paseo público. A documentación presentado propón a afectación portuaria dos terreos da parcela de Vulcano e de dous parcelas entre esta e a Lagoa, sen xustificar a inclusión. En todo caso, de incorporarse, sería preciso solucionar os problemas de acceso viario ao porto deportivo xurdido ao marxe do planeamento e da accesibilidade á parroquia de Teis.
No relativo aos accesos viarios, o rexedor botou en falta unha reflexión sobre as limitacións do acceso a Guixar pola AP9, vía con alto nivel de ocupación, que precisa dunha nova conexión que garanta a saída e entrada no Porto en niveis de servizo axeitados. Neste punto, reiterou, que a coincidencia coa revisión do PXOM polo que estaríamos diante dunha oportunidade para planificar esta actuación prioritaria. Sería preciso dar continuidade ao túnel de Beiramar, así como abordar o tema dos transportes especiais, que seguen a pasar polo medio da cidade durante a noite implicando nalgúns casos a retirada de semáforos, cun elevado custo para as arcas municipais.
Referiuse tamén á eliminación dunha zona de interacción xunto á ETEA, que pasa a ser clasificada como zona de usos complementarios o que permitiría a actividade portuaria en zonas que hoxe son de uso cidadán. Por último, cuestionou a previsión de cambiar o uso da zona costeira da curva de San Gregorio, o que podería permitir a instalación de actividades de construción naval na única ventá ao mar entre a rúa Coruña e Bouzas.