Marea de Vigo criticou este mércores que a Autoridade Portuaria de Vigo non permitira o arranxo do buque «Sanco Sea», da ONG Open Arms no estaleiro San Enrique (anteriormente Vulcano). Nun comunicado de prensa, o grupo municipal sinala que a Capitanía Marítima permitía o atraque pero o Porto negouse.
«O que fai a Autoridade Portuaria co seu presidente ao fronte é colocarse na senda do anterior presidente, que o que buscaba era dar cobertura e apoio ao seu ‘chiringuito de amiguetes’ do sector de loxística do Porto, mentres se extingue un estaleiro e a actividade de construción naval relacionada», sinala Rubén Pérez, voceiro da Marea.
O concelleiro asegura que o Porto trata de converter o estaleiro, mediante un recheo, «nunha zona operativa para o uso secundario de contedores, unha actividade totalmente secundaria e que ademais non xeraría nin emprego nin actividade dun xeito tan evidente como a que xera un esteleiro funcionando a pleno rendemento».
Marea de Vigo sinala que vai seguir esixindo á Xunta de Galicia que deixe de «marear a perdiz» con esta cuestión e que «se desenmascare a súa verdadeira intención de destruír o emprego no sector naval na ría de Vigo, comezando polo rival máis debil, como é a situación na que se atopa o estaleiro San Enrique».
O grupo engade que defende o futuro industrial das instalacións. «O futuro pasa por blindar a nova concesión administrativa dos terreos para que soamente se poidan utilizar para actividade industrial relacionada coa construción naval», sinala o voceiro. Pérez esíxelle ao Concello de Vigo que se posicione claramente e asuma o liderazgo na defensa deste sector. «Non é de recibo escoitar ao alcalde dicir que nunha xuntanza que tivo cos poucos traballadores que quedan no estaleiro San Enrique, non se falou dos terreos, cando esta é a cuestión fundamental», afea Pérez.
«Actualmente, o estaleiro San Enrique apenas conta con media ducia de traballadores mais é unha cuestión de vontade xerar actividade naval e emprego, tendo sido unha oportunidade, no caso destes días, a reparación do Open Arms nas instalacións do mesmo», conclúe o voceiro.