A tensión trasladouse dende primeira hora da mañá deste mércores ás portas de Cabomar, compañía propiedade do presidente da patronal Conxemar, José Luis Freire, onde a numerosa presenza de piquetes evitou a entrada de persoal contratado a través de ETT co fin de evitar a paralización da fábrica.
Como consecuencia da actuación policial dúas persoas tiveron que ser trasladas en ambulancia desde Marín ata o hospital pontevedrés Montecelo para que fosen atendidas das diversas contusións que presentaban. “Non se poden consentir estas agresións a mulleres indefensas que o único que fan é reclamar un convenio digno”, sinala o secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Xabier Aboi.
O responsable sindical carga tamén contra “a vulneración do dereito de folga” mediante a contratación de persoal de ETT, que finalmente non accedeu ás instalacións da empresa ante a presenza dos piquetes. Deste xeito, a produción “permaneceu totalmente paralizada”, ao igual que nas outras principais compañías do sector como Mascato, en Salvaterra, ou Fandicosta, en Domaio.