“A Xunta cumprirá o compromiso que asumiu con Conxemar e ampliaremos o Ifevi”, sentenciou Feijóo, expresando o seu convencemento de que neste proxecto a Administración autonómica contará coa colaboración por parte do Concello de Vigo, “porque para Vigo e para Galicia Conxemar é unha das feiras estrela, pantalla do que somos no mundo”.
Durante o acto inaugural da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados no que tamén participaron o alcalde Abel Caballero e a conselleira Rosa Quintana, Feijóo incidiu nos efectos positivos que eventos como Conxemar producen en toda a cidade. Non en van, trátase dunha feira que é referente a nivel español, europeo e internacional, e que durante tres días reunirá máis de 580 empresas, procedentes de 43 países, para debater sobre os últimos avances no sector.
Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico en funcións subliñou que o incremento de case un 7% no número de expositores e de case un 20% nos países representados é unha boa proba da puxanza desta feira.
Logo de lembrar que das máis de 220 empresas españolas que integran esta asociación, máis da metade atópanse en Galicia, Feijóo referiuse á investigación, á innovación e ao intercambio de coñecemento como as chaves do desenvolvemento dun sector vital para a Comunidade, e garantiu o apoio da Xunta para afrontar os retos do futuro.
O presidente autonómico en funcións subliñou que, desde 2009, o Goberno galego «puxo á disposición deste sector 290 millóns de euros para impulsar a súa modernización e a aplicación de tecnoloxías innovadoras; e imos seguir nesa liña –adiantou-, canalizando a través do Fondo Europeo Marítimo da Pesca unha nova partida de 100 millóns ata o ano 2020”.
Así mesmo, avogou por «seguir fomentando os investimentos encamiñados a vincular a Galicia a todas as fases do ciclo de explotación, como por exemplo a reforzar a frota de buques. E seguiremos apostando tamén pola calidade e polas estratexias de mercado que permitan diferenciar os produtos transformados galegos, así como pola optimización da explotación dos recursos do marisqueo”, engadiu.
Feijóo concluíu aseverando que o esforzo conxunto fai posible que o sector sexa hoxe máis eficiente e competitivo, capaz de ampliar os seus mercados e reforzar a súa presenza no exterior. “Hoxe falamos dunha industria transformadora cuxa produción superou os 4.000 millóns de euros de valor económico e que está axudando a alimentar a locomotora das exportacións”, dixo, resaltando que, só neste sector, España vendeu ao exterior máis de 650 millóns de euros.