“Moitas grazas pola súa invitación que declino. O Porto de Vigo ten xa un programa de loita contra o cambio climático e redución de gases nocivos. Naturalmente, o Rainbow Warrior pode atracar no Porto de Vigo porque a legalidade así o permite”. Nestes termos respondeu o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo ao convite que desde a organización Greenpeace lle fixeran chegar para coñecer o Raibow Warrior dentro da campaña «En Marcha polo Clima. Mudemos a enerxía, non o clima» que se está a desenvolver por diferentes países europeos. En Vigo estará do 25 ao 29 de xullo.
Mais López Veiga quixo ir un pouco máis alá e detallar por que declina a invitación e aproveitou para deixar por escrito unha reprimenda á organización ecoloxista. “Persoalmente, rexeito a súa organización por dedicarse a denigrar a imaxe dos pescadores galegos, a quen vostedes non teñen que dar leccións de nada. Non me gustan os seus métodos, nin as pintadas, nin os outros actos incívicos, como subirse nos copos das redes de arrastre dos pesqueiros galegos, nin entorpecer os labores dos nosos palangreiros que faenan ó abeiro da lexislación internacional vixente”.
Veiga finaliza a resposta ao convite que lle enviara Cecilia Carballo, directora de Programas de Greenpeace o 26 de xuño, explicando que “este é un país democrático e por iso estou lexitimado para dicirlles que a súa organización non é do meu agrado namentres non aprendan a respectar a honestidade e a boa imaxe dos pescadores galegos; bastante mellor xente do mar que vostedes.
Artigo relacionado: El ‘Rainbow Warrior’ de Greenpeace recalará en Vigo para luchar contra la crisis climática