Marea de Vigo levará aos xulgados “calquera tentativa” de modificación no uso dos terreos de Vulcano sen ter aprobado o pertinente documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Así o anunciou este martes o grupo municipal, que advertiu deste xeito ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, sobre os plans do organismo de dedicar os terreos do estaleiro a unha actividade allea ao naval.
O voceiro da formación, Rubén Pérez, avisou de que a pretensión de “aparcar” contedores baleiros nesta zona de Teis suporía “moverse na ilegalidade” ao non dispoñer dese plan de delimitación de usos. Por iso, se esa situación se produce, Marea de Vigo “contestará nos xulgados”.
O grupo municipal considera que a “campaña” de López Veiga, “algúns empresarios do sector loxístico con intereses portuarios” e, por omisión, da Xunta de Galicia contra un futuro industrial nos terreos de Vulcano “é un disparate e unha irresponsabilidade”, entre outras cousas porque “o Porto ten anulado por sentencia xudicial a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, non ten o Plan Especial aprobado e ambos documentos teñen que licitarse e aprobarse secuencialmente”.
A formación lembra que nin un nin outro, dos presentados ata agora, permitirían o aproveitamento como espazo portuario de eses terreos, como pasou recentemente nos terreos de Rande que pretendía tamén a Autoridade Portuaria.
“Non estamos falando de empresarios precisamente preocupados por dar actividade ao Porto de Vigo porque moitos deles operan dende o porto que maior perigo e competencia supón ao de Vigo, Leixoes. Pero ademais a operación pretende aforrar os custos de manter os contedores baleiros no porto portugués onde o custo é maior. É un interese absolutamente particular e que convertería ao porto de Vigo nun mero espazo auxiliar do porto luso”, argumenta Rubén Pérez.
Marea de Vigo afirma tamén que os proxectos empresariais existentes que pretenden seguir coa actividade da construción naval e recuperarían gran parte dos cadros de persoal –en referencia ao impulsado por Vicalsa– teñen que “mimarse e considerarse” porque sobre os terreos dos estaleiros “xa se tiveron moitas ideas peregrinas e perigosas”. Esta defensa da proposta de Vicalsa tamén foi defendida no seu día pola patronal do sector naval, moi crítica con López Veiga.