A Copa Mörling pon o broche final desta segunda edición este sábado 9 de setembro en Bouzas, onde se disputará a I Regata Cabo de Mar. Trátase da primeira vez que algunha das probas deste campionato de dornas a vela se celebra na ría de Vigo.
A Regata Cabo de Mar, a última das seis probas disputadas ao longo deste verán en distintos portos das Rías Baixas, sairá de Bouzas ás 16 horas e agárdase a participación dunha vintena de embarcacións. Esta proba será decisiva para coñecer que dornas conseguirán os primeiros postos desta segunda edición da Mörling.
Até o momento, na cabeza da competición mantense a dorna da Illa de Arousa ‘Pereka’, embarcación que o pasado ano gañou a primeira edición deste circuito galego de dornas a vela. ‘Pereka’ vai seguida na clasificación xeral pola dorna ‘Abuelo Tucho’ (Cambados), a tan só un punto de diferenza, por iso, o que pase na regata de Bouzas será determinante. Na terceira e cuarta posición, mantense un empate a puntos entre as dornas ‘Xarandeira’ e ‘Nécora’, ambas as dúas da Arousa.
A Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas está ultimando todos os detalles para a celebración da proba, entre eles un inédito campo de regatas que vai ter as Illas Cíes como pano de fondo e que se disputará entre as balizas de Tofiño e Bondaña, no frontal marítimo de Vigo, nunha espectacular ubicación que terá no novo paseo marítimo de Bouzas unha bancada privilexiada na escollera de vehículos do porto vigués.
Na entrega de premios posterior á Regata Cabo de Mar volverá ter un papel protagonista a familia de Staffan Mörling. Despois de que o seu fillo Lorenzo Mörling participase en dúas das seis regatas da presente edición da Copa, o sábado será a viúva do antropólogo sueco, Chefa Otero, a que fará entrega do trofeo do ganador desta edición.
O presidente da Asociación, Enrique Martínez Casal, destacou a importancia do evento que organizan por vez primeira. Martínez subliñou o destacado traballo do colectivo que preside na restauración e posta en valor das embarcacións tradicionais. A Asociación dispón desde o ano 2008 dun pantalán propio para este tipo de embarcacións, unha das grandes reivindicacións que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) xa trasladou á Xunta para que se xeneralice en todos os portos con asociacións ou clubs que traballen a prol da recuperación do noso patrimonio marítimo e fluvial.
No pantalán de Bouzas, aberto ás visitas do público en xeral a xeito de museo flotante, poden verse desde gamelas coruxeiras, botes polbeiros, dornas, racús até botes de Ribadeo, botes anguleiros e mesmo unha traíña, exemplo vivo todas elas dun pasado de traballos intensos e vitais na economía do país.