O ano pasado a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, Fecyt, lanzaba unha convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, que ten como finalidade achegar os resultados da I+D á sociedade e mellorar a súa educación científico–técnica. Un dos seis proxectos da Universidade de Vigo que resultaron seleccionados é Sentinelas da costa, unha iniciativa que busca que a cidadanía desenvolva un papel activo na vixilancia dos cambios que sofren as praias e a liña de costa.
Trátase dun proxecto de ciencia cidadá na que tamén están implicadas a Universidad de Cádiz, o ICTS-Sistema de Observación Costero de las Illes Balears e o Institut de Ciències del Mar-CSIC. O obxectivo é que as e os voluntarios poidan informar, a través dunha aplicación móbil, de como van cambiando os areais e dos procesos de dinámica costeira.
Sentinelas da costa enmárcase dentro dun proxecto internacional xa en marcha, CoastSnap, un innovador sistema comunitario de seguimento de praias en varios continentes, deseñado para capturar e medir a dinámica do litoral obtendo os datos a través das fotografías que envían os visitantes dos areais. A iniciativa xurdiu en Australia en 2017 e en Galicia está sendo coordinada pola investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM-UVigo) Rita González Villanueva, coa finalidade de caracterizar a variabilidade espazo-temporal dos sistemas costeiros involucrando á cidadanía na actividade científica. Trátase de aproveitar “a realidade actual na que vivimos, un mundo permanentemente conectado, no que calquera cidadán dispón dun dispositivo móbil que lle permite capturar calquera aspecto da contorna que o rodea”. No marco desta iniciativa, en Galicia xa existen varios puntos de monitorización en praias das illas Cíes, Vigo, O Grove, Muros ou Bueu, onde este mes terá lugar unha acción formativa para os voluntarios.
Formación para as persoas voluntarias en Bueu
O proxecto Sentinelas da costa leva un ano activo e rematará a finais de setembro, aínda que “a idea é de poder continuar”, destaca Rita González Villanueva. A investigadora explica que a iniciativa divídese en dúas accións, unha a nivel nacional dentro da iniciativa CoastSnap e outra a nivel local.
Na acción a nivel local desenvolveuse unha aplicación de móbil que se basea na creación de informes e a través da cal as e os usuarios poden reportar, ademais de imaxes, información de tipo xeomorfolóxico ou sobre a presenza de verteduras, lixo, arribazóns de algas, etc. Para valorar a eficacia de esta aplicación, formaranse un grupo de voluntarios en cada unha das institucións socias. O obxectivo é que nos próximos meses valoren o uso desta aplicación e a súa viabilidade para implementar melloras no futuro e pola a disposición dun maior número de usuarios.
En Cádiz a formación foi a semana pasada, mentres que dende a Universidade de Vigo desenvolverase o vindeiro día 30 de xullo en Bueu, coa colaboración do Concello, ás 11.00 horas no Centro de Interpretación de Agrelo. Esta praia é unha das que xa forman parte da rede internacional de areais de CoastSnap e nela sitúase dende hai un ano unha base na que as persoas que se acheguen poden colocar os seus teléfonos móbiles para tomar unha foto da evolución da praia e compartila nas redes sociais usando o cancelo #coastsnapagrelo xunto á hora na que foi tomada. Todas as instantáneas forman parte da base de datos comunitaria na que quedarán rexistrados os cambios da praia capturados dende a mesma posición e ángulo de visión.
As persoas que desexen participar nesta actividade de formación gratuíta, deberán inscribirse previamente a través dun formulario dispoñible na web municipal, ou tamén no teléfono 986390029 (ext. 2).
A nivel nacional estase a promover o uso da aplicación gratuíta para móbiles de CoastSnap, que permite monitorizar as praias nas que hai unha base CoastSnap pero tamén aquelas nas que non a hai mediante a creación dunha propia ou un modo libre. “Para incentivar o uso desta aplicación”, explica Rita González Villanueva, “estase a facer un concurso nacional e, cada mes, aquelas persoas que máis fotografías compartan usando a app levan premios”.
Para chegar ao maior número de persoas posible o proxecto aposta polo uso de redes sociais como Twitter e Instagram. “Dende que comezamos con esta estratexia e co concurso o número de participantes incrementouse, e recibimos diferentes mensaxes doutras institucións que se queren unir a iniciativa para mantela viva no tempo”, conclúe.