“Os xoguetes e os xogos non teñen xénero, como imaxinar tampouco ten xénero”, explicou Silva. “Todas e todos temos a capacidade de imaxinar. Por iso queremos que as nosas nenas e os nosos nenos aprendan xogando, sen prexuízos, e así destruír ese muro no que hai xoguetes para nenos e para nenas en distintos corredores das tendas, hai envoltorios distintos para cada un deles, e onde os xoguetes rosas son só para nenas e o fútbol parece que só é para nenos”, engadiu.
A presidenta deu a coñecer os contidos desta nova iniciativa acompañada por unha das súas autoras, Isabel Blanco, así como das deputadas provinciais de Igualdade, Isaura Abelairas, e Xuventude, Ana Laura Iglesias.
Esta quinta campaña desenvolvida polo actual Goberno provincial ten como eixos centrais un cartel e un vídeo coas imaxes de Luz Beloso e texto de Isabel Blanco. Na imaxe do cartel aparecen un grupo de nenas e un neno que son os que se poñen por riba e agretan as verbas “estereotipos de xénero”, para amosar a mensaxe final de “igualdade, diversidade e non violencia”.
E no vídeo, montado por Alejandra Castro, técnica da Deputación, os e as protagonistas cobran voz e movemento para romper o muro dos prexuízos, animando así a “cambiar as regras do xogo”, como insistiu Carmela Silva, “porque nós, así, non xogamos”. As voces son da xornalista Belén Porteiro e de dous nenos e dous nenas, “algún deles moi pequeno, e é marabilloso escoitalos”.
Amais da difusión en medios, a campaña estará presente en mobiliario urbano exterior e se decorarán con vinilos dous autobuses urbanos en Vigo. A presidenta destacou a labor de todo o equipo implicado nesta nova iniciativa, formado maioritariamente por mulleres, “que traballan con compromiso”.
Para Silva, “hai unha clara irresponsabilidade social en non tomar en serio o que ten que ver co mundo do xogo e do xoguete” e “hai que rachar co muro da desigualdade”. “Ata os cinco anos as nenas e os nenos soen xogar a todo e soñar con todo. Xa comezan desde os dous anos a visibilizar que non son iguais, pero a partir dos cinco se ve con toda claridade que elas xogan a unhas cousas e eles a outras”, sinalou. E nese senso, a campaña parte da base de que esa transmisión dos estereotipos de xénero comeza desde a infancia, onde nenas e nenos verán marcadas, “de xeito completamente inxustificado, as súas aptitudes e actitudes, en función das características que lles atribuamos a cada un”, como sinalou Silva.
Estereotipos vitais
Isto ocorre cos xogos e os xoguetes. “Cando a unha nena lle regalamos bonecas, bebés, cociñas, vasoiras, fregonas e se pasa toda a súa infancia con eses elementos, está aprendendo que o seu lugar no mundo é o privado e coidar e manter o fogar. Cando a un neno lle regalamos escopetas, balóns, instrumentos científicos para investigar, bicicletas moi potentes para correr, estamos dicindo que o seu lugar no mundo é o da forza, a valentía, a decisión e, desde logo, que non se lle ocorra ter nada que ver cos coidados. Estamos amosándolles o seu papel na vida e lles estamos impedindo que soñen con aquelo que queiran ser”, recalca a mandataria provincial.
Por iso, a campaña quere rachar con que os nenos e as nenas están separados e diferenciados por cores. “Ás nenas lles queda marabillosamente o azul e os nenos están divinos vestidos de rosa, de vermello, de verde, de calquera cor. O arco da vella é para a humanidade, non se pode dividir en xéneros. E pasa cos xogos que lles regalamos. É habitual que os xogos que teñen que ver coas guerras e a violencia llos regalemos aos nenos e ás nenas os que teñen que ver coa sensibilidade, a dozura”, advirte.
Por esta razón, esta campaña, que Silva definiu como “fundamental”, reivindica xoguetes sen estereotipos de xénero. “Queremos xoguetes -recalcou- para xogar, para que as nenas e os nenos crezan felices, que lles enriquezan, que poidan elixir sen temor e poidan expresar o que senten”. “Xogar é un dereito, e unha fonte de aprendizaxe e enriquecemento persoal de primeira orde, é unha actividade universal que ten que transcender categorías de xénero. E se seguimos co actual modelo estereotipado non construiremos o mundo que reclaman as declaracións de dereitos humanos”.
Pola súa banda, Isabel Blanco destacou que “xogar ensínanos a vivir” e subliñou que “xogando aprendemos a ser persoas empáticas e tolerantes e a desenvolver destrezas”. “Así, os xogos e os xoguetes son ferramentas, eu diría incluso armas no mellor sentido da palabra, imprescindibles e básicas para a educación como persoas”, explicou. “Porque non é difícil de entender que cando os xoguetes levan unha carga de desigualdade de xénero e de violencia o que se aprende é a intolerancia, a soberbia, é a violencia como mecanismo de resolución de conflitos –sinalou Blanco_. (…) Se non podemos salvar o mundo como fan eles nin derrotar monstros, nin inventar un remedio, se eles son sempre os heroes que constrúen o mundo, as nenas, as mulleres, quedarémonos fóra dese mundo que se está a construír”.
A Deputación subliña a necesidade de traballar en rede entre as institucións, fabricantes e familias para propiciar que as nenas e nenos se eduquen, xoguen e medren sen obstáculos e con total liberdade e en igualdade de condicións. Esta é, ademais, unha das metas fixadas pola Axenda 2030 de Nacións Unidas, que determina como un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) acabar con todas as formas de discriminación existentes e empoderar ás mulleres e ás nenas.