É a efeméride más remota que, con data coñecida rexistra a historia de Vigo e a súa ría. Xulio César, entre os días 24 e 25 de agosto do ano 60 antes de Cristo, embarca á fronte de dúas lexións na antiga Erizana (Baiona) en varias galeras e oitenta balsas, disposto a exterminar o último puñado de heroicos herminios, refuxiados nas illas Cíes. Unha destas illas chamábase entón Albiano. “Na illa Albiano- di J. De Santiago- existía un templo druídico frecuentado polos que querían chegar aos últimos graos da iniciación relixiosa e por ser lugar sagrado, considerábano os herminios como invulnerable e estaban tranquilos neste refuxio.”
Tratou Xulio César de desmbarcar primeiramente na illa chamada hoxe de San Martiño e entón Lancia, pero o abrupto do terreo e a grande masa de inimigos que alcanzaba a ver fixérono desistir, pasando entón a rodeala para situarse fronte á praia da illa do centro. Os herminios, atravesando coas súas lixeiras naves a canle, viñeron para reforzar aos seus compañeiros e cando as primeiras balsas romanas se achegaron a terra, foron recibidas cunha choiva de pedras e frechas.
Conta o propio Xulio César que únicamente un dos seus soldados, Celso Sceva, conseguiu manterse con outros catro lexionarios sobre unha pena próxima, pero tivo que arroxarse finalmente ao mar e gañar unha das naves. O invencible xeneral non puido, pois, vencer aos herminios polas armas: tivo que rendelos polo asedio e pola fame, xa que ningunha nave amiga podía achegarse ás Cíes. Ao fin pediron a paz e Xulio César pasou ás illas. Alí descansou unha tempada. E alí non será difícil atopar vestixios do seu paso.
Hai algúns anos descubrimos o impresionante poboamento que, cubrindo a baixada orientada ao sur, na illa do centro, fronte á canle “da Porta”, amosa evidentes vestixios da súa orixe céltica, intensamente romanizada. Alí atopamos restos cerámicos a xeito de niños de ave que conteñen vivendas circulares. Atopáronse, igualmente, as xambas dunha porta con decoración de corda e, finalmente, o noso dilecto amigo e intelixente investigador do pasado protohistórico, D. Pedro Díaz Álvarez, localizou un posible altar e numerosos fragmentos de vasillas con fermosas decoracións. Deus mediante, un día escavaremos nas Cíes.
24 de agosto do 60 antes de Cristo. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).