Día de inmenso duelo popular en Vigo con motivo da chegada da ‘expedición da morte’. Setecentos cincuenta e seis repatriados de Cuba veñen a bordo do vapor Chevirón, a case totalidade deles en estado gravísimo de saúde, depauperados e consumidos pola guerra, as febres e a longa travesía. As xentes de Vigo concentráronse no peirao e nas rúas, prodigando atencións a aqueles desgraciados ex-homes, que foron hospitalizados en centros benéficos e casas particulares.
Unha grande parte deles non volvería aos seus fogares porque a ‘expedición da morte’, despois de numerosas vítimas súas que o mar acolleu na travesía, deixou outras moitas no porto de arribada. Hoxe descansan no panteón que a Cruz Vermella lles dedicou na nosa necrópole e todos os anos reciben a ofrenda viguesa dunhas flores e oracións.
13 de setembro de 1898. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).