Atópase en Vigo desde o 13 de xullo o capitán xeneral de Galicia, o duque príncipe de Barbanzón, coa fin de tomar todas as medidas posibles para protexer a flota de Indias aquí refuxiada e o seu tesouro.
Segundo os datos recollidos no arquivo de Tui polo historiador Ávila y Lacueva, o capitán xeneral “mandou que sen demora ningunha se reuniese pola provincia 500 carros para conducir desde Redondela até Pontevedra a prata e cousas preciosas que viñan na flota e que se ían desembarcar polo risco no que se atopaban de se invadía a ría de Vigo a escuadra inimiga…O 5 de outubro volveu o capitán xeneral pedir ao concello de Tui outros 500 carros máis para que coas persoas de confianza da corporación concorresen ao lugar de Illó para transportar a prata, xa que, ademáis de que non terían paraxe ningunha cos anteriores por estar xa desembarcada a que tiñan que levar, pagaríaselles ao contado a ducado por légoa”.
Semella ser, por esta noticia, que os primeiros 500 carros puideron ser evacuados, pero engade Ávila y Lacueva: ”A fortuna até aquí amosouse propicia e xa en España e no porto canto das Indias se traía, en poucos días podía porse en terra, pero unha intempestiva fatal cuestión converteu en desgraza a dita. Pretendeu o comercio de Cádiz que nada se podía desembarcar en Galicia por ir en contra dos seus privilexios e que se tiñan que conservar seguras as naves no porto cargadas como viñeran até que se fosen os inimigos, máis isto non se decidiu tan axiña no Consello de Indias como o esixía a gravidade do negocio; por fin sen determinar absolutamente a dúbida, enviouse… a D. Juan de Larrea… para que se quitase axiña das naves o ouro e a prata: nin isto se efectuou enteramente antes de cumprido xa un mes de que chegaran a Vigo, nin se deu présa para quitar as mercadorías, cando estas excedían á prata no seu valor “.(Dun mesmo autógrafo, que nos facilitou xentilmente o cronista oficial de Tui, D. Manuel Fernández-Valdés Costas).
Ávila y Lacueva consultou documentos orixinais, que hoxe consideramos perdidos: a súa probada solvencia e escrupulosidade obrigan a aceptar o testemuño de que unha parte non desprezable do precioso cargamento puido desembarcarse a tempo.
16 de outubro de 1702. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)