Atópase no noso porto a fragata de guerra ‘Venganza’, que vén para recoller tropas galegas con destino a América onde a insurrección das colonias, iniciada en Caracas o 8 de abril de 1810, prende como a palla. O capitán da fragata, don Fernando Freire de Andrade, comandante da ‘Venganza’, informa con esta data á Xunta Suprema: «…este país, como a provincia máis dócil e disposta a obedecer, mira con tranquilidade e aínda con compracencia a saída destas expedicións porque está persuadido que así convén. A tropa que ten que compor esta terceira [expedición] é a mellor do mundo, moi instruía e equipada até con luxo».
Do luxo do equipo pode dubidarse; da moral daqueles homes, aínda que o seu panexirista fose outro galego, non cabe dúbida. Porque os feitos se encargaron de darlle a razón a Freire de Andrade, pese ao triunfo final dos americanos, cuxas complexas causas estaban moi lonxe do estéril sacrificio daquela tropa, «a mellor do mundo», segundo pouca antes tamén dixera Lord Wellington.
27 de maio de 1812. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Editorial Xerais, 2008. Edicións Monterrey, 1960).