Abandonaron a ría de Vigo as derradeiras naves da frota anglo-holandesa que interviñeron na batalla de Rande. Ávila y Lacueva informounos que o fixeron engalanadas con flámulas e gallardetes ao son de frautas e frautíns como se a ledicia da presa fose bastante para facer esquecer aos seus tripulantes o sacrificio de 800 compatriotas.
O duque príncipe de Barbanzón, cuxos reforzos en terra resultaron inútiles para evitaren o desastre, escribe á cidade da Coruña: “Onte, luns, comezaron a saír desta ría de Vigo as armadas inimigas; e á hora que escribo esta carta continúan facéndoo; e por ser esta nova tan feliz e digna de celebrar, non quixen escusar de darlla a V.S. para que me axude a dar grazas ao Altísimo de que nos librase de todas as hostilidades que intentaban e dos graves perxuízos que diso resultarían. E quedo ao servizo de V.S. coa segura vontade do que se lle ofrecer. Bouzas, 31 de outubro de 1702”.
O capitán xeral de Galicia trasladara o groso das súas forzas a Bouzas ao se iniciar a retirada por mar do inimigo en prevención de que intentase un golpe de man naquela vila, carente de fortificacións. Aínda o 1º de novembro permanecían algunhas naves contrarias nas nosas augas por falta de vento favorable e até o 6 dese mes non se perderían de vista as últimas. Os ingleses levaban de menos a súa nave almirante, que fora incendiada e voada, nunha desesperada acción, por un brulote español ao mando do tenente de navío ‘Escaleta’, quen arrimou o seu barco ao inimigo e fíxoos voar simultaneamente. Este episodio bastará para dar idea do dantesco do combate, no que pereceron, entre o fogo e o estoupido da Santa Bárbara das naves, preto de tres mil homes, en pouco máis de 24 horas.
Os feridos franceses e españois que puideron gañar a nado a costa foron atendidos en Vigo e arredores co máximo esmero, no medio daquela consternación xeral. A isto acudiu con grande celeridade, facilitando cartos, víveres e outros auxilios, o arcebispo compostelán, axudado polo Cabido e a propia cidade.
Os esforzos, prestacións persoais e contribución de sangue que a vila de Vigo fixo nesta ocasión á coroa, foron moi estimados por Filipe V, a quen a perda da flota e de grande parte dos seus caudais afectou profundamente. En recompensa concedeu a Vigo, en 1704, o arbitrio de branqueo sobre o viño, así como outros impostos sobre os artigos de consumo até totalizar a cantidade de 20.000 ducados, que terían que se destinar a obras de reconstrución na igrexa Colexiata, pavimentación das rúas e aperturas de fontes. Entre estas construíuse entón a de Neptuno, na rúa de Soidade.
Que foi do convoi de carros do país, portadores da prata salvada? Os datos históricos reais fallan nese punto. Semella ser que algúns facciosos, mesturados entre os soldados e paisanos encargados da súa protección, roubaron grande parte no longo camiño até o Alcázar de Segovia, onde á fin foron depositados os restos do cargamento de Indias. Os ingleses aseguraron que se levaran máis de catro millóns de pesos; outros oito déronse por perdidos.
31 de outubro de 1702. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)