Deixamos xornadas atrás, ao Comandante Xeneral da provincia, Ramos Matador, semiconfinado no cuartel de Santo Domingo, de Pontevedra, cuxa capital se resistía a aceptar o novo estado de cousas. E, certamente, non estaban faltos de razón os pontevedreses, xa que Vigo tardaría poucos días en se erixir de novo na capital da súa provincia.
Ramos Matador ordenou á Xunta de Vigo o envío das forzas da Milicia Nacional, armadas con 4.000 cartuchos, máis de dúas pezas de artillaría. Compuñan a Xunta D. Ramón Buch, como presidente; D. Pedro Llanas, D. Ramón Abeleira, D. Vicente de Vocente, D. José Ramón Fernández e D. Agustín Curbera, vogais, sendo vogal secretario D. Santiago Filgueira. Inmediatamente ordenaron que fose convocada a Milicia a tambor batente, presentándose todos os alistados nos puntos de concentración sinalados de antemán.
Á tardiña do 3 de outubro emprendeu a columna a súa marcha rumbo a Pontesampaio, mentres a artillaría era enviada por mar, coa súa dotación, para se reunir naquel lugar coas forzas de artillaría de praza mandadas polo capitán Piñeiro. En Redondela uniuse á Milicia Nacional a compañía de Granadeiros nacionais daquela vila ao mando do capitán Martínez Seco.
Na madrugada deste día 4, concentráronse todos en Pontesampaio, onde estaba xa a artillaría. O comandante D. José Ayres, xefe da milicia, enviou unha mensaxe a Ramos Matador, que se atopaba apostado nas inmediacións de Ponte Boleira. O comandante xeneral dispuxo que a columna se puxese en marcha e saíse ao seu encontro. Ramos Matador, con moi escasa forza, rexeitou aquela madrugada a unha columna inimiga de Pontevedra, capturando 32 fusís, unha caixa de guerra e abondoso equipo. Ante o temor dun novo ataque, ordenou á milicia viguesa que forzase a marcha. Chegada esta a Ponte Boleira, púxose á fronte de toda a tropa o comandante xeneral, chegando preto do mediodía á ermida da Virxe do Camiño, nas portas de Pontevedra. E aquí comeza a acción bélica que determinou a conquista armada de Pontevedra por Vigo.
Colocada unha das pezas de artillaría á vangarda, rectificouse a puntería á torre da Peregrina, onde había un destacamento de milicianos pontevedreses. Sen resistencia, ocupáronse as casas da dereita da estrada, a medio tiro de pistola das murallas, por unha compañía de cazadores vigueses, e ás da beirarrúa esquerda por outra de voluntarios de Galicia. Ocupadas estas posicións, intimou o comandante xeneral a entrega da praza.
“Unha comisión do concello de Pontevedra e da Xunta presentouse para suplicar que se lles concedese un prazo e que non hostilizasen á poboación. Á unha da tarde, outra comisión da Xunta presentouse ao comandante xeneral coas bases da capitulación, recoñecendo a súa autoridade. Congregou este á oficialidade da columna para oír as observacións e todos aceptaron os artigos propostos, agás do que se refería á retirada dos milicianos, xa que xulgaron indispensable entraren na vila e quedaren acuartelados en Santo Domingo até agardaren ordes do capitán xeneral. Sen subscribirse a capitulación, observaron que polas portas da vila saían grupos numerosos de paisanos armados, en completa desorde, disparando os seus fusís, o que alarmou aos milicianos que se puxeron en defensa, crendo que viñan para os atacar, Un disparo de canón á torre da Peregrina apresurou a fuga dos paisanos, e os homes que establecían o sitio souberon que os paisanos regresaban aos seus fogares”.(Eran xentes do marqués de Montesacro, que desde Cotobade se dirixiu a Pontevedra con 3.000 campesinos armados para defender, pero ao coñecer a resolta actitude da Milicia Nacional de Vigo, preferiron abandonar a loita). (Cfr, J. Santiago, op. Cit., páxs, 566-569).
Entrou Ramos Matador en Pontevedra á fronte dos seus, desfilando a columna en correcta formación baixo a porta da Peregrina e dirixíndose pola de Santo Domingo ao cuartel deste nome, O profesor D. Santiago Filgueira, que ía entre os milicianos, pensaría co peito inflamado: “Delenda est Cartago!”.
4 de outubro de 1840. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).