A casa navieira e comercial viguesa Marcó del Pont e Compañía, que catro anos antes armara en corso o navío ‘San Carlos’ (alias ‘El Atrevido’), despacha nesta data un novo corsario, chamado ‘Victoria’.
Era unha embarcación tipo cutter, con dez canóns, tripulada por doce pedreiros e sesenta e catro homes de cuberta. Destinábase, como outras naves armadas en Vigo, Baiona, Marín etc., a combater o comercio naval inglés, con cuxa nación daquela estabamos en guerra. O Victoria ía ao mando do capitán Juan Martínez.
Só catro días máis tarde, regresou a porto con dúas presas: dous bergantíns que facían o comercio de Terranova e transportaban 2.400 quintais de bacallau.
Volveu saír ao mar o corsario vigués o 21 de xaneiro, e, apenas iniciou a súa busca ao longo da costa de Portugal, viuse perseguido e atacado por dous corsarios ingleses. Antes de ser apresado, o capitán preferiu embarrancar o barco contra a costa, despois de ter solicitado inutilmente axuda dunhas lanchas lusitanas, para que acollesen nelas os homes do Victoria. Con hábil manobra meteu o barco entre unhas rochas, e logrou así salvar a xente con todo o cargamento, velas canóns, víveres e cordaxes, perdendo unicamente o casco.
A casa Marcó de Pont- apelido este que veremos repetido na historia local- , en unión doutros comerciantes de Vigo, armou en corso tres navíos máis. Por este tempo outro corsario vigués, El Cristo de la Victoria, fixo cinco presas, con cargamento de aceite, viño, sal e fardería. Menos afortunado foi o Nuestra Señora del Patrocinio, tamén do noso porto, propiedade de don Salvador Pastor e Compañía, que foi apresado polos ingleses na súa primeira saída. Mandábao o capitán Francisco Aube e ía artillado con vinte canóns de calibre oito. Co barco foron capturados os seus cen tripulantes; era unha das maiores naves armadas en Vigo.
Ao longo destas notas rexistraranse outras accións, felices ou aciagas, da frota corsaria viguesa, cuxa actuación leva a evocar un pasado azaroso, na loita da cidade polo seu poderío.
6 de xaneiro de 1783. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)