A Xunta do Teatro comunica aos accionistas as condicións do préstamo de dous millóns de reais, que concertou co concello para a construción do proxectado edificio.
Moito discutiran La Concordia e Faro de Vigo sobre a candente cuestión que polarizaba as ansias de todos os vigueses. Ambos os dous diarios coincidían na necesidade de que Vigo contase axiña cun coliseo a ton coa cidade, pero discrepaban en case todo o demais. A polémica consumiu por ambas as dúas partes galeradas e máis galeradas de apertada prosa, en cuxo dédalo é case imposible meterse dentro hoxe; había alusións a feitos e ideas, cuxo exacto contido se nos escapa. Semella que o fundamental da discrepancia estaba, como sempre , nas persoas e modos de levar a cabo o proxecto. E, claro está, este quedou no que era: proxecto, nada máis.
O marqués de Valadares cedera a baixo prezo os terreos da súa horta, necesarios para a edificación.
A Xunta do Teatro chegou a comezar a construción do edificio no ano 1882, pero como as pugnas continuasen e as accións subscritas fosen insuficientes, as obras quedaron paralizadas. Disolta a sociedade, fixéronse cargo do edificado os irmás Benito e Francisco Gómez Román, contratistas de obras, quen deron remate ao teatro no ano 1900. E este foi o Rosalía Castro que unicamente tivo dez anos de existencia, xa que ardeu totalmente o martes de entroido de 1910. Aquel proxecto naceu baixo un signo adverso.
Non obstante, Vigo contaba co seu flamante Teatro-Circo Tamberlick desde o ano 1882. Sobre o solar do arruinado Rosalía castro ergueríase despois o actual García Barbón.
14 de novembro de 1881. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)