O recadador da renda do sal en Vigo, D. Bartolomé Godoy, fai entrega ao furriel do terzo de milicias da suma de 13.906 reais con 16 marabedís, importe da venda do produto na praza, que xa contaba por aquel entón con alfándega propia sen ter que depender do antigo privilexiado de Bouzas.(Arquivo Libraría de Monterrei).
O estanco do sal perdurará até o último terzo do pasado século. No Faro de Vigo correspondente ao 10 de febreiro de 1865 lemos: “Non hai oito días que, unidos os fomentadores de toda a provincia, dirixiron unha exposición ao Goberno da S.M. solicitando, como os doutras provincias, o desestanco do sal, recomendada polo noso distinguido representante en Cortes. O señor Elduayen, co interese que sempre amosou a prol dos intereses desta provincia, ergueuse para a apoiar no Congreso, aducindo no seu discurso razóns poderosísimas a prol dunha industria, cuxa importancia e desenvolvemento no litoral desta comarca excede todos os cálculos e superpone ás esperanzas que delas se formaron.”
“Os fomentadores desta provincia, recoñecidos ao apoio que o señor Elduayen prestou á súa solicitude que defendeu no Congreso coa calor e o entusiasmo que lle continuo lle merecen os intereses desta parte da rexión galega, tratan de testemuñarlle o seu agradecemento por medio dunha mensaxe que sirva a aquel celoso representante de símbolo de gratitude que lle deben os cultivadores daquela industria.”
Noutras crónicas temos recollidos datos estadísticos referidos a esa mesma época, que facía públicos un grupo de industriais da salgadura, isto é, os aludidos fomentadores, pondo de relevo as vantaxes que se seguirían para a súa industria o decretarse o libre comercio do sal. A comezos do século, xa clamara contra o estanco o franciscano de Santa Marta, frei Andrés de Villageliú, denunciando as manobras especulativas derivadas do mellor prezo concedido aos fomentadores.
24 de novembro de 1705. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)