Don Ángel de Lema y Marina funda Faro de Vigo, que lanza este día o seu primeiro número. Co fundador e director comparten as tarefas de redacción D. José Mº Posada y Pereira e D. José Carvajal y Pereira, únicos redactores até o ano 1861, data na que Carvajal se separou da empresa.
Fai hoxe, por conseguinte, este diario 106 anos de existencia ininterrompida cunha traxectoria notable e a máxima eficacia cultural e informativa, cuxo exame detido non é posible concretar no reducido espazo do que dispomos.
Faro de Vigo é o xornal máis antigo de Galicia e o segundo de España. Constitúe exemplo brillante do que vale a fidelidade a unhas normas de vida sinxelas, como foi sinxela e honesta a vida do seu creador. O lector pode consultar unha síntese da vida secular de Faro de Vigo no traballo que a autorizada pluma de D. Juan Valiño Ledo, tan vinculado a aquela casa, dedicou á gozosa efeméride no número do centenario baixo o título Faro de Vigo cumple cien años. Desde gracioso escrito queremos transcribir algúns parágrafos, xa que eles suplirán con vantaxe canto pola nosa parte puidésemos dicir.
«Por segunda vez na historia de España, comeza dicindo o sr. Valiño, un xornal fai cen anos. Estmaos na presenza dun acontecemento excepcional, raro e curioso, que provocou amplas resonancias na nación enteira. Porque o normal e cotián entre os españois é o esforzo impetuoso e fuxidío; non o reflexivo, continuo e perseverante».
«A lonxevidade do Faro de Vigo ten un ha raíz na idea e o pensamento do seu fundador, D. Ángel de Lema y Marina, que non o creou para servir a unha causa que lle puidese morrer, senón para defender valores eternos; que quixo que o seu xornal non fose un bastión de intolerancia, senón un palenque aberto a toda clase de ideas compatibles con aqueles valores; deu normas para que, desde as páxinas do seu diario, nin os mesmos inimigos fosen ofendidos, senón tratados sempre con respecto e xenerosidade; que non sinalou ao xornal un horizonte territorial tan estreito como o da xurisdicción do concello no que nacía, senón que quiso que fose un xornal de toda a rexión galega, a cuxos máis apartados currunchos estendeu a rede dos seus correspondentes».
«O éxito de permanencia de Faro de Vigo é unha proba máis da súa necesidade de seren ríxidos na defensa dos principios inmutables; flexibles na das ideas que por razón da súa natureza poden sufrir mutación no crisol do tempo e sempre tolerantes e comprensivos nos procedementos e no trato cos demais porque a tolerancia é unha esencia da cultura e da civillización».
Dirixiron Faro de Vigo D. Ángel de Lema desde o 3 de novembro de 1853 até o mesmo día e mes de 1881 ou sexa durante 28 anos; D. Eladio de Lema y Martín, o seu fillo, desde o 4 de novembro de 1881 ao 5 de outubro de 1928 durante preto de 47 anos; D. Ángel de Lema y Rubido, desde o 6 de outubro de 1928 até o 15 de novembro de 1929, pouco máis dun ano; D. Manuel Otero Bárcena, desde o día seguinte até o 1 de setembro de 1944, por espazo de case 15 anos: D. Blas Agra Mancebo, aquel vello león do xornalismo vigués, desde o 8 de setembro de 1944 ao 17 de febreriro de 1949 e D. Francisco Leal Insua, o seu actual director, a quen tocou a gloria e a dura responsabilidade, tan brillantemente acometida e resolta, de celebrar o centenario desde o 18 de febreiro de 1949.
En efecto, o número extraordinario de Faro de Vigo, conmemorativo dos seus cen anos, foi un alarde xornalístico que cremos que non foi igualado en España.
A colección de Faro de Vigo é un tesouro inapreciable e fonde de primeira man para seguir, paso a paso, a historia de Vigo no último século. E é tamén canteira xenerosa paa a investigación literaria de Galicia, xa que polas súas páxinas teñen desfilado as plumas galegas máis solventes da última centuria e nelas téñense recollido críticas, noticias e comentarios relacionados coa vida das letras, que hoxe son fontes de grande valor documental. Lembraremos, únicamente, o seu folletín de Poesías, publicado ao longo de 1871, comezo de pezas raras, case ignoradas. Algún día, Deus mediante, acometeremos a empresa de escribir a biografía do Faro de Vigo.
3 de novembro de 1853. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)