Entran pola Porta do Sol mil douscentos soldados franceses de Infantaría, que completan a ocupación da cidade, cuarteis e puntos estratéxicos de defensa. O pobo, á fronte do que se achaba o alcalde Vázquez Varela, opuxérase á entrega da vila sen resistencia, mais o comandante interino, señor Villavicencio, persuadiu ás xentes de que toda a oposición sería inútil, xa que para a defensa da praza e dos seus fortes non contaba máis que con trinta e nove soldados de Cabalaría, dezaoito oficiais refuxiados, algúns inválidos, varios soldados máis, procedentes do Exército do Norte, e douscentos homes da Milicia Honrada. É dicir, sen que, por outra banda, se agardasen inmediatos auxilios do exterior da praza. Porén, a pesar destas razóns, a conduta de Villavecencio foi moi discutida, e algúns historiadores xúlgana con severidade. Lembremos, en fin, que o mesmo día da reconquista de Vigo (28 de marzo), don Juan de Villavecencio foi encarcelado, permanecendo en prisón deica o 21 de setembro, data na que pasou ao seu domicilio en calidade de arrestado, e, finalmente, foi xulgado en consello de guerra de xenerais os días 11, 12 e 13 de agosto de 1812, que ditou sentencia absolutoria.
O día anterior entraran pola porta da Gamboa dous escuadróns de Húsares, mais, con anterioridade, o Concello dispuxera a saída, pola porta da Falperra, dos oficiais e soldados útiles que había en Vigo; algúns deles fixérono dacabalo furtando a vixiancia inimiga. Estes evadidos puideron xuntarse máis tarde cos grupos armados de patriotas que se foron organizando na comarca.
O xeneral Franceschi designou gobernador da praza ao barón Girardin, que era coronel do 8º rexemento de Dragóns. Pouco despois substituído polo xeneral Limoussins e, finalmente, este o foi polo xefe de escuadrón Chalot. As autoridades viguesas negáronse a colaborar cos invasores, mais accederon a continuar nos seus postos, baixo ameaza de graves castigos. No obstante, confabuláronse dende o primeiro instante para aproveitar a primeira ocasión de sumarse á insurrección latente, facilitando dende a praza informe e armas ás partidas exteriores.
Quen eran aqueles rexedores, aos que coubo tan difícil e triste cometido?
Dalgúns deles, a cidade aínda recorda os nomes, que hoxe rotulan as rúas; os demais pasaron ao esquezo. Presidía a Corporación, como xuíz real, don Francisco Javier Vázquez Varela, avogado da Real Audiencia de Galicia; eran os rexedores, don José R. González Carvajal, don José Antonio Rúa, don Alfonso Díez López, don Manuel de la Fuente, don Diego Núñez de Murcia e don Gaspar Maceti; deputados de abastos. Don Pedro Abeleira, don Benito Pereira, don Francisco Julián Pérez, don Manuel Álvarez, don José Iglesias e don Francisco Fernández, procuradores xerais, don Manuel J. Gómez González e don Alonso Díaz Polo; actuaba de secretario o escribán López Varela (CF. A. Rodríguez Elías, La Reconquista de Vigo en 1809).
1 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).