Eis os acontecementos deste día, segundo a descrición coetánea que vimos segundo:
“O día 12 ergueron no seu campo (os ingleses que estaban en San Paio de Navia) e adiantáronse para acamparse noutra freguesía que se chama Santa Eulalia de Alcabre até a vila de Bouzas, e entre as 10 e 11 (da mañá) un coronel con dous soldados e un tambor con bandeira branca foi para pedir a obediencia á vila de Vigo, a que lle dou o xuiz por abandonar a vila co forte de San Sebastián e retirouse toda a guarnición ao castelo do Castro, que consistía en 10 compañías de infantaría que cos seus oficiais non chegaban a 400 homes e até 400 paisanos cos seus oficiais. Neste día así que se fixo noite achegouse a terra un navío con dous morteiros de grande calibre, xa que segundo o sentir de todos, non baixaban as bombas ou carcasas de catro quintais cada unha; dispararon desde o navío até 30 bombas que, unhas por moita elevación e outras por curta, ningunha entrou no castelo. Neste día á noite, como a vila dera a súa obediencia, entrou nela un rexemento de infantaría e no lugar que chaman Berbés, toda aquela noite estiveron desembarcando morteiros, bombas e o máis necesario para o bombardeo do Castelo”.
Aclaremos que aquela obediencia da vila, representada polo xuíz, fora autorizada polo concello de guerra celebrado polos xefes e oficiais da guarnición da praza, visto que era suicida pretender resistir no casco da vila coa pouca xente da que se dispuña. Era gobernador militar o coronel D. Fadrique González de Soto, que se retirou coas súas forzas ao Castro, mentres o xeneral D. Tomás de los Cobos se situaba nas proximidades da fortaleza, até o camiño do Porriño, para poder retirarse oportunamente da vila, onde xa, por orde do capitán xeneral, o marqués de Risburg, reunían os reforzos que intentarían o rescate de Vigo. Namentres, tamén se cursaran instrucións ao interior de Galicia para que os seus habitantes conducisen á montaña os gandos, froitos e obxectos preciosos.
12 de outubro de 1719. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).