Na sesión celebrada polo Concello acórdase aprobar as novas Ordenanzas Municipais, toda vez que, transcorrido o prazo regulamentario, non se producira observación ningunha ao texto que no primeiro de decembro anterior presentaron os edís don Prudencio Nandín, don Manuel D. Santos, don Antonio de Lema, don Ramón Cordovés, don Francisco Martínez, don Severo Vicente e don José P. Villelga, sendo alcalde don Luis Ozores.
Estas ordenanzas empezaron a rexer o primeiro de xullo seguinte. A súa lectura é suxestiva, e aínda diriamos que recomendable para o actual cidadán vigués, xa que, a carón das normas rebasadas polo paso dos anos, a proposta de novos problemas e o fatal esquecemento de vellos moldes, outras persisten tan actuais e certeiras que, en revelador contraste, nos ensinan a disparidade entre o progreso material e moral dos pobos.
Se xa non transitan dilixencias e pesados carros de bois polas rúas (artigos 22-32), aínda vale hoxe, con toda a súa grave realidade, o artigo 16 (“Maltrato de animais”); se xa non padecemos a grosería carnavalesca (artigo 12), aínda os nosos ouvidos magóanse decote coa palabra soez (artigo 74), aínda a antiga especie do gamberrus erectus desafoga os seus bestais instintos en rúas e prazas, paseos e xardíns (artigo 75); se xa non anima a Porta do Sol o ledo cacarexo das galiñas ou o eufórico griñido dos sentenciados de san Martiño (artigo 82), aínda pululan pola cidade entes aos que sería aplicable o rigor do artigo 13 (“Urinarios”).
E, en fin, señores, para qué lembrarlles a vostedes os inxenuos artigos 95 e 96 (“Pan”), 97 (“Pesas e medidas”), 98 (“Leites”), 99 (“Vinagres”)? Por simple curiosidade, deterémonos no 100, que é número redondo (“Aceites”): “O aceite de oliva será puro, sen mestura doutro aceite ou graxa. Cada clase de aceite hase vender co seu propio nome.”
De prezos nada din as inefables Ordenanzas Municipais de 1897. Mais don Luis Ozores e o seu dilixente equipo non ían prevelo todo…
8 de xaneiro de 1897. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)