Fálase moito dos praceres do turismo, do goce de viaxar. Tamén falaban así os nosos avós e bisavós, donos dunha natureza envexable, a proba de ferros, buracos e po. Véxase a mostra: «As carruaxes da empresa titulada do Poniente saen diariamente de Vigo ás catro da mañá na época de verán e ás seis na de inverno, chegando a Pontevedra na primeira época ás sete da mañá e na segunda ás nove».
«Nesta cidade concédese aos viaxeiros unha hora de descanso para almorzar, saíndo pasada ela para Santiago e ao día seguinte para A Coruña, desde cuxa cidade hai diariamente para Madrid sela correo e dilixencia».
«Os prezos de asento son: en berlina a Pontevedra, 28 reais; en coche, cupé e pescante, 24; a Santiago, en berlina, 74; en coche, cupé e pescante, 64».
«A cada pasaxeiro concédeselle de balde unha arroba de peso e o exceso de peso págase a 4 reais até Pontevedra e a 10 até Santiago».
«Os prezos de asento desde santiago á Coruña son: en berlina, 46 reais; en coche, cupé e pescante, 40. O exceso de peso grávase a 6 reais arroba, deducida unha que se concede de balde».
«De Vigo poden sair, en caso necesario, tres carruaxes até A Coruña. Moi en breve establecerase a liña para que os viaxeiros que desembarquen en Vigo dos vapores procedentes de calquera outro punto poidan obter billetes directamente para a Corre, chegando á Coruña nun día e en catro desde esta cidade á capital. para cuxo efecto as respectivas empresas desta cidade, Pontevedra, Santiago e A Coruña se están a poñer de acordo coa do Poniente establecida na Corte, que xa ten dilixencias diarias para as demais provincias de España e con cómodas carruaxes».
Como se ve a cousa era sinxela. Todo se reducía a ter bos ósos.
Para trasladarse ao veciño reino de Portugal, tampouco había demasiadas complicacións, segundo revela estoutra propaganda:
«Carruaxes de Vigo á fronteira. Saen de Vigo para Tui os días pares e de Tui para Vigo os impares. Prezos da pasaxe: en berlina, 24 reais; en coche, 20».
«Nota: Os pasaxeiros que queiran ir por terra á cidade do Porto, poden facelo en carruaxe até Tui de onde continuarán a súa viaxe a cabalo por carecer de estradas e carruaxes o reino veciño. O custo por carruaxe a Tui e desde ese punto á cidade do Porto é de 140 reais».
«Os pasaxeiros que desembarquen en Vigo poden dirixirse ao señor Martínez, rúa Real, número 1».
Moitas grazas, señor Martínez!
31 de mayo de 1854. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960; Edicións Xerais, 2008).