As nefastas palabras de Murguía seguen por desgracia instauradas na mente de moitos vigueses -áinda que cada vez menos- e galegos. Vigo e a súa comarca son a día de hoxe o lugar de Galicia –despois de Lugo– con máis sitios arqueolóxicos visitables de época romana, tal e como relata Adolfo Fernández Fernández no seu artigo «25 anos de arqueoloxía de urxencia. O descubrimento do Vigo romano» có motivo da exposición «Emporium. Mil anos de comercio en Vigo».
A mostra, inaugurada o 29 de xuno e aberta ata o 28 de maio de 2017, ven a desterrar a idea de que a cidade non ten historia. Producida pola Concellería de Cultura, a través da Rede de Museos Municipais, e comisariada por Adolfo Fernández e Pilar Barciela, presenta mil anos de relacións comerciais de Vigo, dende a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península.
«Mil anos nos que Vigo xoga un papel destacado na comunicación marítima do noroeste peninsular co resto do mundo coñecido, con momentos nos que foi o único enclave comercial en activo. Este aspecto do noso pasado, ata agora máis intuído que demostrado, ten á luz dos resultados das últimas investigacións arqueolóxicas, unha razón de ser», afirman os organizadores.
Na exposición aberta na Casa das Palabras están á vista dos visitantes 200 obxectos arqueolóxicos, restaurados e documentados expresamente para a ocasión, moitos dos cales se expoñen por primeira vez ao público. Entre todos os recursos despregados no Verbum destaca un vídeo no que pode observarse como era Vigo e a illa de Toralla hai 25 séculos.
O itsmo de Toralla unido por unha gran lingua de area, un frondoso bosque e un inmenso castro na zona oeste do illote, pero sobre todo, sen a inmensa torre que na actualidade preside todo o conxunto. Así reproducen Alicia Colmenero y Magoga Piñas a imaxe de Toralla nun vídeo no que tamén pode observarse o Vicus, a poboación castrexa do monte do Castro cunha panorámica privilexiada sobre a Ría no século IV antes de Cristo.
Moitos meses de traballo permiten observar o brutal cambio que experimientou tanto Vigo como Toralla ao longo dos últimos 25 séculos. «Emporium» presenta así unha peza audiovisual única que a ninguén deixará indiferente porque, de modo virtual, nos leva ao Vigo dos nosos antepasados.