Celébrase en sesión pública extraordinaria na Casa Consistorial para dar lectura ao testamento do filántropo D. Policarpo Sanz, outorgado en Nova Iork o 1 de xuño de 1888, en cuxo documento o ilustre benfeitor fai á cidade de Vigo, berce da sua nai, importantes doazóns. Lembremos, unha vez máis, o seu magnífico legado de pinturas, hoxe custodiadas no Museo Municipal, e a doazón de douscentos mil pesos de ouro para a construcción e dotación do Instituto Santa Irene.
Outros cen mil pesos destinou D. Policarpo Sanz para o establecemento dun hospital de Caridade, no cal “se construirá un departamento destinado exclusivamente a paridas pobres”. A lectura do testamento produce grande emoción, trascendendo á rúa, onde as xentes lembran a simpática “bonhomie” do señor Sanz Soto. A Corporación Municipal acorda honrar a súa memoria, dando nome de Policarpo Sanz a unha das principais arterias da cidade.
26 de agosto de 1890. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).