O bispo de Tui, D. Juan de San Millán, señor xurisdiccional de Bouzas, concede a esta vila un préstamo de douscentos ducados ao obxecto de que os veciños da vila poidan levar adiante o seu proxecto de construír un cerco de pedra no mar para a captura da sardiña. Este curioso enxeño foi, en efecto construído. Durante moitos anos produciu cuantiosos ingresos porque naqueles anos de beizón o prezado peixe entraba até as mesmas praias da ría en grandes arribadas. A industria da salgadura tiña entón moita importancia, como subsidiaria da extractiva, e o porto de Bouzas contaba con alfándegas propias, dos cales aínda queda a lembranza na rúa do seu nome.
De certas desavinzas habidas entre a vila de Bouzas e Vigo con motivo da alfándega, demos conta nestas notas. (véxase 17 de abril).
Aquela riqueza, producida pola pesca e salgadura da sardiña, produciu a natural expansión e crecemento do burgo pesqueiro de Bouzas, que a comezos do século XVII erixe a súa espléndida igrexa parroquial.
Non unicamente se nutría entón a economía da vila cos ingresos producidos pola pesca, xa que o seu porto era visitado decotío por embarcacións de cabotaxe, en intenso comercio con Andalucía e outras rexións. Tempos houbo, e moi remotos, nos que Bouzas competía en vantaxe con Vigo e Baiona en movemento marítimo e vitalidade económica.
3 de decembro de 1599. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)