En marzo de 1938 a situación semellaba desesperada para o exército republicano. A ofensiva dos sublevados de Franco obrigaba a grandes retiradas no leste peninsular. As derrotas en Lérida e Teruel serían o preludio de fortes bombardeos coma os sufridos en Barcelona ou Alcañiz. Namentres, a zona republicana quedaba dividida en dous ante o avance de Franco por Castellón, quedando illado o goberno lexítimo en Valencia.
Esta situación llevou ao goberno republicano a tomar decisións anguriosas, e en moitos casos incompatibles co discurso sostido pola propia presidencia. Nunha destas accións repentinas o ministro de defensa nacional, o socialista Indalecio Prieto, ofrecería Vigo ao Reino Unido como contraprestación pola súa intervención militar en auxilio da república.
A fonte principal desta afirmación sería a obra autobiográfica “Mi desembarco en Mallorca” (México DC, 1944) do coronel republicano Alberto Bayo Giraud. O oficial, entón capitán de artillería, afirmaba ter sido testigo directo desta proposta. Indalecio Prieto ofrecería aos ingleses Cartagena, Vigo e Mallorca como prazas británicas. Como ven sendo Gibraltar dende o tratado de Utrech no 1713.
O político asturiano, abrumado pola derrota inminente da frente republicana, e ameazado pola inestabilidade do goberno, tivo a idea de tantear o apoio británico, ainda que fose a tan alto custo.
Qué dúbida cabe que a intervención militar inglesa tería modificado a contenda. Pero o custo global, dotando ao Reino Unido de ata catro “colonias” na península Ibérica, modificaría tamén a existencia destas rexións.
Vigo, si ou non?
Aínda que puidera ser unha afirmación ao aire por parte dun capitán rencoroso co ministro ovetense, o certo é que alomenos un documento atestigua esta afirmación. O historiador Julius Ruíz da Universidade de Edimburgo fixo pública unha documentación oficial do Foreign Office neses termos, firmado polo oficial da marina británica Robert Goddard. Curiosamente, Vigo non aparece mencioado neste escrito. Pode que o nome de Vigo caera da terna ofrecida por Prieto. Ou que se incorporara posteriormente. O certo é que pouca lóxica tiña ofrecer unha cidade que no momento da misiva, datada o un de marzo do 1938, permanecía baixo o control do mando nacional.
Freo soviético
O historiadores Manuel Aguilera Povedano co seu artigo ad hoc publicado no 2021 e Fernando Paz co seu libro “Guerra Civil Española” (Madrid, 2020) desenterraron este curioso capítulo da nosa historia mais próxima. Afirman que esta aproximación ao Reino Unido por parte do goberno republicano foi frenada en seco polos comisarios soviéticos en España. A gran potencia comunista non vería con bos ollos este xiro diplomático dos españois. Cunha forte presión sobre ppresidente Juan Negrín, abortaron esta opción.
O ministro socialista Indalecio Prieto quedou moi desacreditado por esta fallida oferta, coma recoñece Alberto Bayo. Fería o seu espíritu patriótico e seu orgullo como militar. Os mandos militares asumían a incapacidade do ministro en materia bélica, xa que baixo o seu mandato quedou pechado o acceso marítimo para os suministros soviéticos polo ataque dos submarinos italianos, e non sería quen de consegir a reapertura da fronteira francesa. Este illamento total puido levar a Prieto a tomar unha medida tan extrema. En abril do mesmo ano, abandonaría o goberno ao carecer de apoios internos.
Por conseguinte, podemos afirmar que noutras circunstancias, a historia de Vigo puido cambiar de forma radical. Baixo soberanía británica, o seu desenvolvemento tería sido distinto, así como a evolución xeral de toda Galicia. Un ofrecemento, o de Indalecio Prieto, que non foi contestado polo goberno inglés que negociaba entón cos nazis en segredo. Somente os documentos ao respecto, custodiados pola armada da súa graciosa maxestade, atestiguan esta sorprendente posibilidade da historia recente de Vigo.