No día de onte penetrou nas augas da ría a poderosa flota anglo-holandesa que, ao mando de Sir Jorge Rook, e do almirante Allemond, viña perseguindo á francoespañola, refuxiada en Vigo cun importante convoi de riquezas traídas de América. Mandaban as nosas forzas navais D. Manuel de Velasco e o conde de Chateau-Renaud. Os inimigos fan a súa entrada arrimados á costa de Cangas para evitaren o fogo das baterías do Castro e de Santa Tegra. Ao mediodía deste 23 comeza a espantosa batalla naval de Rande. Os seus pormenores son sobradamente coñecidos, polo que cremos interesante achegar un texto até agora inédito, debido á pluma do historiador tudense Ávila y Lacueva e que amablemente non ten facilitado D. Manuel F.-Valdés Costas:
“A armada inimiga que coñecera a noticia de que estaba en Vigo a nosa flota, no 22 de outubro con vento favorable chegou a esta costa; o 23 desembarcou en terra 4.000 homes sen que o Capitán Xeneral llo puidese impedir pola pouca xente que tiña e, plantando baterías contra os dous castelos referidos do porto, ocupounos con pouco traballo, desamparados do que gardaban, sendo imposible defendelos nin ser a súa fábrica capaz de resistir a batería.
Como era favorable o vento as dúas naves a un tempo e as velas cheas, armadas cos acostumados picos á proa , romperon con facilidade a caldea (formada con grandes troncos na boca de Rande). Entraron ao porto os que seguían desprezando os canóns dos baluartes de Vigo que, sen froito, disparaban incesantemente.
Disputaron a entrada con valor dez navíos de guerra franceses porque os demais volveran aos seus portos: e formouse unha batalla cruel con tanto tesón dunha e doutra parte que, mesturados os barcos, era inútil o canón: pelexábase con fogos de inhumano artificio, olas, camisas e bólas de betume a arder. Desexaban os franceses vir á beira porque estaban máis guarnecidos pola xente de guerra, pero os ingleses en toda a batalla usaron o fogo; e sendo o número superior, non podían dez naves defenderse de tanta multitude de barcos inimigos que suplían sempre os maltratados.
Os da flota procuraron internarse máis na ría por se podían ter auxilio de terra e botar a ella os fardos de mercadorías, pero os ingleses ocupaban a beira e empregando os fusís atrancaban aos españois nas súas tarefas, permanecendo a peito descuberto contra a artillaría das naves que se defendían con valentía. As que estaban máis protexidas dos baluartes de Vigo e máis veciñas a el, desembarcaron apresuradamente algunhas mercadorías con pouco logro, mal gardadas na confusión, o mesmo paisano chamado a defendelas, roubábaas. Non se pode describir día máis cruel , nin máis queixoso polo innumerable xénero de mortes que padeceron aqueles infelices cinxidos de inevitavle perigos en espazo tan estreiro”.
Engadiremos mañá, día último da batalla, algúns datos máis.
23 de outubro de 1921. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)