Domingo de carnaval. Inícianse os festexos pola Sociedade Carnavalesca, que botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Vaia, pois, unha crónca retrospectiva, tan afastada xa, que nin os máis vellos da localidade gardan memoria disto.
“Ao mencer deste día, un canonazo disparado no Álcazar de Granada será o sinal para que a Banda militar de Indios percorra as rúas da poboación, tocando leda diana, como así mesmo os claríns de guerra e os que pertencen aos distintos escuadróns residentes nesta Corte, tocarán chamada e tropa, para que se apresten a marchar inmediatamente ao sitio designado como punto de partida. Ás once en punto da mañá, tres canonazos anunciarán ao pobo que sairá do Campo de Granada a grandiosa Comparsa da forma seguinte:
Primeiro grupo; cinco magníficos guerreiros armados de punta en branco até os dentes e montando soberbios alazáns, perfectamente engaldrapados, abrirán a marcha. Segundo grupo: catro trompeteiros de guerra dacabalo. Terceiro grupo: banda de música (Pomponets). Cuarto grupo: o gran estandarte da Comitiva, onde se lea “Ao noso magnífico e Poderoso Señor Deus Momo”, conducido por un negro dacabalo, luxosamente ataviado, levando nas súas borlas dous feirucos negriños montados en burros. Quinto grupo: os deuses do Olimpo. Este precioso grupo componse de doce personaxes, que en cadanseu carro, ricamente adornado, representarán os deuses mitolóxicos-bufos, pola orde seguinte, Orfeo, Esculapio, Saturno, Minerva, Apolo, Mercurio, Baco, Neptuno, Marte, Cupido, Venus e Xúpiter. Este grupo chamará a atención dos máis esixentes, en canto ao exquisito gusto e riqueza dos seus traxes feitucos. Sexto grupo: a corte composta de dous maceiros, un heraldo, un estandarte real, dous paxes e numerosos cabaleiros…(todos dacabalo). Sétimo grupo: Banda de Música, con bonitos traxes indios. Oitavo grupo: escuadrón de árabes guerreiros— composto de dous claríns, un xefe, un porta-estandarte e vinte e catro individuos (todos dacabalo). Noveno grupo: escuadrón de cosacos lanceiros, perfectamente ataviados, pola orde anterior. Décimo grupo: cinco bravos húngaros pecharán a marcha.”Toda esta comitiva baixará deica a morada Real, onde recibirán os seus reis e damas de honra, que en margníficas carretas ocuparán na Corte o lugar que lle corresponda. A rexia comitiva continuará a súa marcha até a Alameda… Aos poucos instantes un canonazo anunciará a chegada dun itinerario, composto por un Xefe e catro xinetes infernais…procedentes da Corte de Momo… No momento da entrevista, tres canonazos serán o sinal para que saia o Deus Momo, olímpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado do seu cronista, dous paxes infernais, un porta- estandarte, un xefe do Báratro, dous claríns do Averno, un escuadrón alado, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela (todo este grupo montará en bravos corceis).”
Aínda cita o programa máis demos e máis canonazos, mais como todos non couben aquí, damos punto por hoxe.
11 de febreiro de 1877. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).